Lombardia

Lombardia

Rexión de Italia Setentrional, que se estende desde os Alpes, ao N, ata o Po, ao S, e entre Piemonte, ao L, e Trentino-Alto Adige e Véneto, ao O (23.861 km2; 8.922.463 h [2001]). A súa capital é Milán. Presenta tres grandes unidades de relevo: a chaira ao S, unha zona montañosa ao N e unha zona de transición entre ambas as dúas. O clima é continental. Está drenada pola conca do río Po. É a primeira rexión económica de Italia e a que presenta maior densidade de poboación. A agricultura ocupa un lugar importante despois da industria, onde destacan os sectores de material de transporte, químico, téxtil e alimentario. Habitada polos galos, foi sometida ao dominio dos romanos no s II a C. No ano 568 foi conquistada polos longobardos, que estableceron a capital en Pavia. Ocupada polos francos (774) pasou a depender do Sacro Imperio Romano-Xermánico e, despois dun período de feudalización, apareceron as comunas autónomas (ss XI-XII). Durante a segunda metade do s XII Federico II asolou o territorio e enfrontouse coa Liga Lombarda. Esta situación non detivo a expansión comercial e no s XII os banqueiros e comerciantes lombardos negociaban por toda Europa. No s XIII iniciouse a transformación das comunas en señorías, baixo o dominio de familias como os Visconti, que se impuxeron en Milán e reunificaron a rexión. Non obstante non conservaron todas as adquisicións, e así, Bérgamo e Brescia pasaron a Venecia e Parma e Piacenza independizáronse. Posteriormente foi campo de batalla das guerras de Italia e caeu baixo o dominio español (1535-1713) e austríaco, ata que entrou a formar parte do Reino de Italia (1859).