Londres

Londres

Capital de Reino Unido, situada nas riberias do río Támesis. É a cidade máis poboada de Europa (7.375.000 h [2000]). Xurdiu no punto de coincidencia das influencias marítimas e terrestres. O clima de Londres é bastante uniforme e húmido. A estrutura da cidade cambiou a raíz do grande incendio de 1666. A partir de mediados do s XVIII iniciouse o gran desenvolvemento demográfico que culminou en 1941 con 8.348.032 h, cando comezou un proceso regresivo moi acentuado no centro da cidade. A expansión urbana de Londres estivo sometida a un poderoso sistema de planificación de usos do solo. A Green Belt Act estableceu, en 1938, un anel de espacios abertos arredor da aglomeración daquela existente, obxectivo que adquiriu carácter prioritario co Town and Country Plannig Act de 1947, polo que se creou o Gran Londres, cunha área de 1.865 km2. En 1965 foi establecido o Greater London Council que, ata a súa desaparición (1986), se ocupaba das funcións máis amplas da conurbación e que determinou os 32 distritos metropolitanos de Londres e o núcleo antigo (a City). A rexión de Londres abrangue a aglomeración e unha coroa exterior, o Green Belt, con cidades situadas a 35 e 70 km do centro, das que proveñen unha gran parte dos commuters (migracións pendulares). Dentro da aglomeración hai unha clara diferenciación espacial entre os barrios centrais, as áreas suburbanas tradicionais, as máis modernas e unha coroa externa que experimentou un gran crecemento. Dentro dos barrios centrais, Westminster concentra as funcións políticas e a City as actividades financeiras. Os barrios centrais están rodeados por unha auréola de áreas suburbanas tradicionais, de carácter residencial diferenciado. A mellora dos transportes colectivos e a expansión dos automóbiles favoreceron o despoboamento dos barrios centrais en favor de novas áreas suburbanas, onde os espacios verdes ocupan amplas zonas. Na auréola externa, o estado construíu, a partir de 1946, oito novas ciudades ou New Towns, previstas para residencia e como lugares de traballo: Crawley, Basildon, Harlow, Hatfield, Welwyn, Stevenage, Hemel Hempstead e Bracknell, ademais de Milton Keynes, Northampton e Peterborough, máis arredadas. Londres reúne practicamente todas as funcións urbanas. Metrópole política e administrativa, destacan tamén as funcións comerciais (docs) e financeiras (Stock Exchange). O tráfico de mercadorías, efectuado nunha gran parte a través do porto fluvial, promoveu un forte desenvolvemento das actividades terciarias, aínda que xa non é o gran centro mundial de redistribución que foi ata a Primeira Guerra Mundial. A expansión industrial de Londres viuse favorecida pola boa calidade da man de obra e a dispoñibilidade de terreos a pouco prezo, factores que atraeron industrias, como centrais eléctricas, fábricas de cemento, de óptica e electrónica, construcións mecánicas ou do automóbil. É tamén un importante nó de comunicacións nacionais e internacionais, cos aeroportos de Heathrow e Gatwich. Londres formouse durante o s I, despois da conquista romana de Inglaterra, co nome de Londinium. As invasións anglosaxonas do s V arruinaron a cidade. No s VII, sen embargo, Londres desenvolveuse de novo e converteuse en capital do Reino de Essex. Desde o s IX foi o centro principal de comercio da illa co continente. Obtivo unha certa autonomía de Guillerme I o Conquistador, despois da Batalla de Hastings (1066), e en 1191, con Ricardo I, puido organizarse corporativamente. Capital do Reino de Inglaterra desde o s XIII, o comercio permitiu o crecemento económico da cidade, que se beneficiou, ademais, da centralización política e do desenvolvemento do comercio marítimo durante a época dos Tudor e os Stuart. Así, en 1560, os Merchant Adventures relevaron os hanseáticos. En 1665 unha grave epidemia de peste decimou a poboación, e ao ano seguinte, un incendio destruíu a cidade. No s XVIII a Revolución Industrial e a expansión colonial inglesa consolidaron o enriquecemento da cidade. Desde o s XIX, e ata a Segunda Guerra Mundial, converteuse no centro do comercio internacional e das finanzas. Durante a Segunda Guerra Mundial foi sede de varios gobernos europeos no exilio e símbolo da resistencia, polo que sufriu importantes bombardeos na Batalla de Londres. Ao finalizar a guerra tivo que cederlle o posto de maior porto mundial a Nova York. Na década de 1990, aínda que perdeu a supremacía mundial, conservou a prosperidade finaceira, comercial e industrial. Entre os monumentos destacan a abadía de Westminster (s XIII) e o edificio gótico da catedral de Southwark (ss XIII-XIV). A fortaleza da Tower Bridge acolle o tesouro da coroa e, moi preto, a ponte da Torre, abatible sobre o Támesis (1886-1894), é un dos emblemas da cidade. A St Pauls Cathedral, coa súa cúpula, é unha obra mestra do clasicismo, construída cando se queimou a anterior (1666). Do s XIX son as casas do Parlamento (1840-1850), obra neogótica de sir Charles Barry e a torre do reloxo, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1988), que alberga o Big Ben. Entre os museos de arte destacan o British Museum, a National Gallery, a Tate Gallery e a Wallace Collection. En 2000, a Raíña Isabel II inaugurou a Millenium Bridge, ideada por Foster. No mesmo ano inaugurouse a Tate Modern, a primeira galería de arte dos ss XX e XXI. Desde a época Tudor, Londres foi un núcleo de vida musical moi activo, con teatros de ópera, como o Covent Garden, o Coliseum, sede da English National Opera, e, antigamente, o Drury Lane Theatre; salas de concertos, como o Royal Albert Hall e o Queen Elizabeth Hall; e institucións musicais, como a London Symphony Orchestra (1904), a orquestra da BBC (1930), a London Philharmonic Orchestra (1932) e o London Festival Ballet.

Palabras veciñas

London, John Griffith | Londonderry | londra | Londres | Londrina | londrir | loneta