López Alonso-Cuevillas, Florentino
Antropólogo e escritor. Coñecido como Florentino López Cuevillas, foi membro da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos. Formouse no Instituto de Ourense, onde recibiu as influencias do catedrático de Retórica e Poética Marcelo Macías. Ao rematar o bacharelato marchou a Santiago de Compostela, onde estudiou farmacia, e a Madrid. Na capital do Estado iniciou a carreira de Filosofía e Letras, unha licenciatura que non chegou a rematar, e comezou o seu labor profesional como funcionario do Ministerio da Gobernación. De regreso a Ourense compaxinou o seu labor político e investigador cun emprego na delegación de Facenda da súa vila natal. Os seus primeiros escritos políticos e literarios apareceron no periódico El Miño e posteriormente en La Centuria, con traballos de temática sociopolítica. 1920 é a data da fundación da revista Nós, na que participou moi directamente xunto con Vicente Risco, R. Otero Pedrayo e Castelao, entre outros. Alí editou o seu primeiro e máis destacado artigo, titulado “Dos nosos tempos”, básico para a comprensión do significado do Grupo Nós e a súa transcendencia para a realidade cultural galega, e onde se expón a idea da procura dunha identidade que o autor atopa en Galicia; algo semellante tamén se reflicte en Arredor de si (1930), de R. Otero Pedrayo, e “Nós, os inadaptados” (1932), de V. Risco. En 1921, froito da súa participación nos parladoiros da Comisión de Monumentos, publicou “A mansión de Aquis Querquernis”, un laborioso estudo sobre a Galicia prerromana que manifesta a inclinación arqueolóxica do autor, a quen se considera un dos primeiros sistematizadores da prehistoria galega e impulsor da etnografía do país. No Seminario de Estudos Galegos colaborou con Fermín Bouza-Brey e publicou Os oestrymnios, os saefes e a ofiolatría en Galiza (1921); ademais promoveu a creación do Catálogo dos castros galegos e contribuíu á extensión dos usos do idioma galego. O traballo de investigación que realizou ao longo da súa vida recolleuse en diversas publicacións como Cuadernos de Estudios Gallegos, Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense e a propia revista Nós; finalmente, moitos deses artigos editáronse no volume Miscelánea (1987). En 1962 apareceu a súa obra póstuma Prosas Galegas 1920-1958, dividida en catro partes e onde se compilan os escritos non científicos do autor. As dúas primeiras partes son unha exaltación dos valores de Galicia; a terceira presenta unha descrición dos escritores Curros Enríquez, Lamas Carvajal e R. Otero Pedrayo, e unha recensión do libro As cruces de pedra na Galiza, de Castelao; e a última está relacionada co seu labor como prehistoriador de Galicia.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso