López Ferreiro, Antonio

López Ferreiro, Antonio

Cóengo da Catedral de Santiago de Compostela, historiador, arqueólogo e novelista. Durante a súa estadía en Madrid dedicouse á transcrición de documentos galegos do Archivo Histórico Nacional e comezou a escribir os seus primeiros artigos de carácter histórico. Foi arquiveiro-bibliotecario (1865) e realizou un labor investigador e arqueolóxico na catedral de Santiago de Compostela desde 1871. Fundou a revista Galicia Histórica (1901-1903) e colaborou en distintas publicacións, como El Porvenir, Galicia Católica, El Pensamiento Gallego e Galicia Diplomática. Ademais publicou estudios históricos, fontes, bibliografía e crónicas de Galicia. No ámbito da literatura galega pódese incluír na segunda xeración provincialista, xunto con algúns autores coetáneos, como Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal, pero se estes últimos se dedicaban á produción poética en galego, López Ferreiro cultivou o xénero novelístico. Nese sentido destaca a súa influencia en autores posteriores, especialmente en Otero Pedrayo. No ámbito político seguiu as directrices da liña católica de Alfredo Brañas e converteuse no reivindicador de acontecementos históricos da Galicia do Antigo Réxime. Das súas obras destacan Estudio histórico crítico sobre el Priscilianismo (1878), Galicia en el último terzo del siglo XV (1883-1885), El Pórtico de las Platerías (1884), Don Alfonso VII, rey de Galicia, y su ayo el conde de Traba (1884), El Pórtico de la Gloria (1886), Lecciones de Arqueología Sagrada (1889), Fueros municipales de Santiago y su tierra (1895) e Santiago y la crítica moderna (1901). Moitos dos artigos e estudios históricos apareceron compilados en Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela (1898-1911). Como novelista en galego escribiu A Tecedeira de Bonaval (1894), O Castelo de Pambre (1905) e O Niño de Pombas (1905), coas que iniciou a novela romántica de corte histórico en galego. Foi socio da Real Academia de la Historia, académico da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona, membro da Asociación Artística Arqueológica de Barcelona e académico de número na Real Academia Galega (1905). Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1978.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso