López Garabal, Manuel

López Garabal, Manuel

Pintor rexionalista, fillo do escultor Reimundo López Pol. Coñecido como Manuel Garabal, formouse na Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago con Mariano Tito Vázquez, influencia que explica o tenebrismo das súas primeiras obras (A enredante, 1926; Sol entre carballos, 1946), e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde descubriu a luminosidade e a cor (Rapaz comendo mazás; O millo, 1934). O feito de que frecuentase o taller de Cándido Garabal foi de grande importancia para o seu desenvolvemento artístico. Aínda que expuxo no acto inaugural da Sociedade Galega de Amigos da Arte (1929), ese mesmo ano abandonou a pintura, afectado de tuberculose. Xa recuperado (1932) reiniciou a súa actividade, especialmente prolífica tralo remate da Guerra Civil Española (1936-1939). En 1941 obtivo o título na Escola Superior de Belas Artes e converteuse en profesor de Debuxo Lineal e Decorativa na Escola Elemental de Traballo en Santiago de Compostela. Deste ano data a súa obra O pegureiro durmido, que enviou á Exposición Nacional. Ao ano seguinte foi nomeado profesor da Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, praza que gañou en propiedade en 1963 e da que pediu a excedencia en 1970. Decantouse polo naturalismo de corte rexionalista (Galicia, 1945) e folclorista (Os mozos de Vilanova, 1950-1955; Antroido, 1965), e moitos dos temas que centraron a súa obra foron as paisaxes e a xente das terras do Ulla, Fisterra (Mar de fóra. Fisterra, 1968; Paisaxe do cabo Fisterra, 1973) e Santiago de Compostela (Camiño de Santiago, 1943). A súa pintura caracterizouse por un profundo sentimento da forma, que manifestou a través dun sólido e remarcado debuxo e un vigoroso sentido da cor (Leiteiras, 1950), expresado tanto en gamas como en empastes (Peixe na lonxa, 1971), que o levou a acadar un realismo case absoluto nas súas representacións (Retrato de Mª del Carmen Calderón, 1975). Incrementou cada vez máis o efecto de modelado (A Nena, 1943; Na fonte, 1945), especialmente desde 1948, cando integrou plenamente as figuras na   paisaxe (Recollendo mazás, 1949; Peregrinos 1950; Tríptico da feira, 1951; O gaiteiro de Belouchada, 1953). Empregou a pincelada grosa e concedeu progresivamente un maior protagonismo á luz. Destacaron as súas representacións de escenas marítimas (Muller de mar, 1946; Repasando a rede, 1968; Moza no peirao, 1975); paisaxes (O valiño, 1943; Camiño de Compostela, 1943; Sol de tormenta, 1945), e retratos como os de Rosalía (1970) e Valle-Inclán (1973). Trala morte (1971) da súa muller, a tamén pintora Concha Vázquez, dotou os temas dun profundo humanismo (O mariñeiro que ficou cego, 1971).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso

    Lugar : Gondelle, Teo