López Gómez, Felipe Senén
Arqueólogo, museólogo e ilustrador. Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago, traballou baixo a dirección de M. Chamoso Lamas na creación e instalación do Museo das Peregrinacións e como supervisor de campo no Castro de Viladonga. Foi director-conservador do Museo Arqueolóxico da Coruña (1975) centrándose na dinamización e sensibilización arqueolóxica e patrimonial da cultura galega. Preocupado pola consolidación, supervisión e posta en valor do Castro de Elviña (1978-1985), coordinou traballos de prospección arqueolóxica submarina na baía da Coruña. Desde 1996 foi técnico de Xestión Cultural e museólogo da Deputación da Coruña e foi nomeado secretario xeral da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario (2003). Dirixiu o boletín Brigantium e participou na fundación do xornal A Nosa Terra. Destacan as súas obras Artesanía de Galicia (1981), Museos de La Coruña (1989), Ferro Couselo (1996), Festas Populares de Galicia: Nadal, Antroido, Semana Santa, Maios, San Xoan, Magostos (1997), A Paixón e a Semana Santa en Galicia: coñecemento do medio cultural galego (2002) e Os Primeiros galegos: prehistoria e arqueoloxía (2003). Asiduo colaborador en xornais e revistas, foi creador e presidente da asociación pioneira Amigos dos Museos de Galicia e do colectivo fundador da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña. Membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e do Instituto J. Cornide de Estudios Coruñeses, pertence á Comisión de Patrimonio Cultural do Consello da Cultura Galega.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : O Carballiño