López-Casanova, Arcadio
Escritor e crítico literario. Doutor en Filoloxía Hispánica e profesor da Universitat de València, foi membro destacado das Festas Minervais, en que resultou premiado en diversas ocasións. Polo seu poemario Mesteres (1976), está considerado como un dos autores que abre a poesía de signo realista ás liñas de renovación da lírica galega no último cuarto do s XX. Colaborador asiduo de La Noche e doutras publicacións periódicas, a súa obra destaca polo relevo dos mundos mítico-simbólicos e a plenitude expresiva que acada a palabra poética. Da súa produción destacan os poemarios Sonetos de espranza presentida (1965), Palabra de honor (1967), Retratos pra tempos de pouca luz (1968), Memoria dunha edá (1976), Liturxia do corpo (1983), Antología personal (1987) e Noite do degaro (1994), máis a recompilación do seu traballo poético Do tempo posuído (2003). No ámbito da teoría, a crítica e a historia literaria publicou El análisis estilístico (1975), Poesía y novela (1982), La poesía romántica (1991), El texto poético: teoría y metodología (1994) e Dicionario metodolóxico de análise literaria (2001). Ademais analizou a poesía de Pimentel (Luís Pimentel e “Sombra do aire na herba”, 1990) e de Cunqueiro (Álvaro Cunqueiro e a vangarda poética, 1994), e dedicou estudios á obra de Rosalía de Castro, Pondal, Curros Enríquez, Amado Carballo, Blanco Amor, Luís Seoane e Celso Emilio Ferreiro. É autor, ademais, da obra de teatro Orestes, traxedia en dous actos (1963), unha das primeiras propostas de relación entre as sagas átridas e a realidade sociocultural galega, e dos contos infantís O bosque de Ouriol (Premio O Facho, 1973) e As roitas da gamela (1976). Recibiu o premio Noriega Varela (1967), o premio de investigación Ramón Menéndez Pidal da Real Academia Galega (1974), o Premio da Crítica Galicia á creación literaria (1982) e o Pedrón de Honra (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lugo