Lorenzo Fernández, Xoaquín
Etnógrafo e historiador. Coñecido como Xocas, foi alumno de R. Otero Pedrayo en Ourense e estudiou filosofía e letras en Santiago de Compostela e Zaragoza. Incorporado ao Grupo Nós, colaborou asiduamente na revista Nós, ademais doutras publicacións galegas e do estranxeiro. Ao comezo da Guerra Civil Española ferírono e durante a súa convalecencia formouse no seu domicilio un destacado parladoiro ao que acudían R. Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas e González Salgado. Ademais, durante esa etapa aproveitou para ler numerosos clásicos galegos e portugueses cos que foi enriquecendo a súa formación intelectual. Posteriormente, exerceu a docencia en Ourense, primeiramente no Instituto e logo no colexio Cardenal Cisneros, e investigou principalmente nos eidos da etnografía, o folclore e a prehistoria de Galicia. Apoiado por Florentino Cuevillas e polo profesor Lluís Pericot realizou diversas escavacións en castros, como a do castro de san Cibrao de Las (1948-1949), en mámoas e igrexas de toda Galicia. Neste sentido, cómpre salientar as súas investigacións ao redor de diferentes elementos etnográficos, como os oficios, os tecidos, o traxe, o xantar, a terra, os produtos do campo ou o carro, un dos temas que máis desenvolveu nos seus traballos. Ademais, colaborou asiduamente coa Comisión de Monumentos de Ourense e co grupo “Marcelo Macías”. Escribiu numerosos artigos que apareceron en publicacións galegas, españolas, portuguesas e brasileiras, como “Lápidas sepulcrales gallegas de arte popular”, “A arte popular nos xugos da Galiza”, “La Capilla y el santuario del Santísimo Cristo de la Catedral de Orense”, “Nomenclatura del carro gallego”, “La casa gallega”, “Cerámicas castrexas pintadas”, “Deidades marianas en el Ourense romano” e “Metamorfosis dunha casa castrexa”. Publicou, xunto con Cuevillas, Vila de Calvos de Randín (1930) e recolleu as súas pescudas etnográficas por toda Galicia en Etnografía. Cultura material (1962), volume número II da Historia de Galiza dirixida por R. Otero Pedrayo. Escribiu tamén Cantigueiro popular da Limia Baixa (1973), A terra (1982), A casa (1982), O mar e os ríos (1982), Os oficios (1983) e Refraneiro Galego (1983). Foi membro numerario da Real Academia Galega, membro do Seminario de Estudos Galegos, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego e correspondente da Real Academia da Historia e da de Belas Artes. Recibiu, entre outros galardóns, o premio Otero Pedrayo (1982) e a Medalla Castelao (1984). En 2004 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso