Los Angeles

Los Angeles

Cidade do estado de California, na costa occidental de EE UU (3.694.820 h [2000]; 16.373.645 h [2000] na área metropolitana). Situada ao pé da Cordillera Litoral, esténdese pola chaira litoral desde os montes de San Gabriel ata as baías de San Pedro e de Santa Monica. O seu desenvolvemento demográfico foi constante e constitúe a segunda metrópole do país. A composición étnica da poboación, moi heteroxénea, rexistra importantes colonias de mexicanos, chineses, xaponeses, filipinos e negros. O núcleo primitivo da cidade é da primeira metade do s XIX, e presenta un aspecto colonial español. É centro turístico grazas á explotación das súas praias, como as de Long Beach ou Santa Monica, así como pola sona das súas residencias de inverno, aínda que o elemento máis importante para o auxe inicial da explotación turística foi o asentamento dos estudios cinematográficos na ladeira de Hollywood, ao NO de Los Angeles. A explotación e refinamento do petróleo, xunto coas construcións aeronáuticas, son moi importantes para a economía. Outras industrias son as vencelladas ás funcións portuarias e alimentarias do mercado, a industria automobilística, a de conservas de peixe e do moble. Tamén destaca como sede de ensino superior, onde se asentan a California State University, fundada en 1947; a Loyola Marymount University (1911), Los Ángeles Campus (UCLA), establecido en 1919 e dependente da University of California; a University of Southern California (1879) e a West Coast University (1909), entre outros centros de investigación e ensino. É a terminal do ferrocarril eléctrico do Pacífico, da Union Pacific e dos ferrocarrís transcontinentais do Southern Pacific e Santa Fe, e comunícase, ademais, a través dun gran número de estradas e liñas aéreas cos centros máis importantes do país e do estranxeiro. Tamén é base de operacións da mariña de EE UU no Pacífico. Foi sede dos Xogos Olímpicos de 1932 e 1984.