Losada Castro, Basilio
Escritor e investigador. Doutor en Filosofía e Letras e catedrático de Literatura Galaico-Portuguesa pola Universitat de Barcelona, desde 1970 desenvolveu o seu labor como profesor dos programas en España das universidades de California e Illinois, e tamén do Knox College e do Darmouth College. Foi director literario das editoriais Caralt Editores e Noguer de Barcelona, membro do consello de redacción da revista Grial, asesor da Enciclopedia Galega Universal (EGU) e membro do consello científico do Boletín Galego de Literatura. Ademais, exerceu como vicepresidente (1985-1993) da Asociación Española de Críticos Literarios e tamén como vicepresidente da Asociación Internacional de Estudios Galegos (2000). Das súas obras destacan os traballos de investigación filolóxica e literaria que se centran en figuras como Rosalía de Castro, Luís Seoane, Fernando Pessoa, Jorge Amado, Saramago, Castelao ou Celso E. Ferreiro; os numerosos artigos e estudios sobre as literaturas galega, portuguesa e brasileira, xunto a pequenas incursións na literatura española; os relatos Ero de Armenteira (1993) e La Peregrina (1999); e os libros Galicia (1969), Goya (1970), Cristóbal Colón (1972) e O Camiño de Santiago (1992). Tamén realizou traducións ao galego e ao castelán, especialmente desde o alemán, o francés, o catalán e o portugués, das que destacan Fortuny (1983), Memorias íntimas de Georges Simenon (1990), Los comedores de patatas (1991) e O longo camiño a Santa Cruz (1995). Membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e do PEN Club de Galicia, foi galardoado coa Creu de Sant Jordi (1984) polo seu labor como pedagogo e escritor en lingua galega; coa Medalla Castelao (1989), concedida pola Xunta de Galicia; co Pedrón de Honra (1990), ofrecido polo Patronato Pedrón de Ouro; co Premio Nacional de Tradución (1991), outorgado polo Ministerio de Cultura pola súa versión da obra Memorial do convento, de José Saramago; coa Comenda da Ordem do Infante Dom Henrique (1993), do Governo da República de Portugal; coa Ordem do Cruzeiro do Sul (1995), ofrecido polo Governo do Brasil en recoñecemento á divulgación da literatura brasileira en España; e co premio Galego Egrexio, da Fundación Premios da Crítica Galicia (1998). É doutor honoris causa polo Knox College (2002).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Pobra de San Xiao, Láncara