Louisiana

Louisiana

Estado do S de EE UU, situado na costa do golfo de México (123.677 km2; 4.468.976 h [2000]). A súa capital é Baton Rouge. Limita ao N co estado de Arkansas, ao L co de Mississippi e ao O co de Texas. O relevo é plano, formado por amplas chairas aluviais do baixo Mississippi, o seu delta e o seu afluente Red. A costa é baixa e pantanosa. O clima é húmido e moi caloroso. A poboación está formada polos descendentes dos colonos de orixe francesa e británica. Máis do 56% da poboación é urbana e máis da terceira parte é negra. A cidade máis importante é New Orleans. As condicións agrícolas son excelentes e cultívase arroz, cana de azucre, laranxas, algodón e tabaco. A cría de cabalos é tamén moi importante. As principais industrias son as refinerías de petróleo e azucre, a industria pesqueira, a madereira, a do papel, a do alcohol e a peletería. Explorada polos españois desde 1519, os franceses iniciaron a súa conquista a finais do s XVII e denominárona Louisiana na honra de Luís XIV. En 1717 a Compañía de Occidente obtivo a súa explotación, e en 1731 volveu pasar a poder de Francia, que cedeu a parte occidental á Coroa castelá (1762) e a parte oriental a Inglaterra (1763). Francia recuperouna de mans dos españois polo Tratado secreto de San Ildefonso (1800) e vendeulla a EE UU en 1803, que a admitiu na Unión en 1812. Participou na Guerra de Secesión a carón dos sudistas.

Palabras veciñas

Louis, Louis-Nicolas | Louis, Victor | Louisiade | Louisiana | Louisville | louquear | Lourdes