Lourenzo Pérez, Manuel María

Lourenzo Pérez, Manuel María

Actor, dramaturgo e ensaísta. Desenvolveu un labor docente na escola teatral Casahamlet. En 1965 fundou o grupo de Teatro Independente O Facho, e posteriormente puxo en marcha novas iniciativas como Teatro Circo (1969), a Escola Dramática Galega (1979), a Compañía Luís Seoane (1981) e Elsinor Teatro a principios da década de 1990. Dirixiu textos de diversos autores, con compañías como o CDG, Uvegá Teatro ou Os Quinquilláns, e dos seus espectáculos destacan Os vellos non deben de namorarse (1977), As criadas (1980), A casa dos afogados (1991), Electra (1994), Copenhague (1995), Últimas fasquías de setembro (2000) e Liturxia de Tebas (2003). Na creación dramática destacan as traducións do Woyzeck de Büchner e Quartett de Heiner Müller, e a publicación de Romaría ás covas do demo (1975), Viaxe ao país de Ningures (1977, II Premio de Teatro Infantil O Facho), Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca (1978, Premio Abrente), Todos os fillos de Galaaz (1978, Premio O Facho), Teatro mínimo (1992) e Magnetismo (1996). Como estudoso do teatro é coautor, con Francisco Pillado, de O teatro galego (1979), Antoloxía do teatro galego (1982) e Dicionario do teatro galego (1987), amais de volumes de didáctica da interpretación como Pensar co corpo (2000). Participou nas series de televisión Mareas vivas (2001-2002) e As leis de Celavella (2003), e nos filmes O lapis do carpinteiro (2001) e Entre bateas (2002). Obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática (1996) e o Premio Macara (2003).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferreira, O Valadouro