lousa
(< latu *lausia)
-
s
f
[XEOL]
Rocha sedimentaria, do grupo dos silicatos, de gran fino, densa e compacta, que presenta unha estrutura foliada e non sofre meteorización. É negra azulada ou negra agrisada, aínda que se coñecen variedades vermellas, verdes ou moradas, que dependen do mineral predominante e do proceso de oxidación ao que foi sometida. Os minerais básicos contidos na lousa son o cuarzo e a moscovita, pero tamén presenta materiais accesorios como a biotita, a clorita e a hematites, e minerais accesorios secundarios como o apatito, o grafito, o caolín, a turmalita, a magnetita e o circonio. É unha rocha procedente de sedimentos arxilosos que adquiriron o seu estado ao ser sometidos a presións e temperaturas altas. Extráese de explotacións a ceo descuberto e en menor medida de minas subterráneas e despois sofre unha serie de procesos de transformación ata adquirir o produto que sae ao mercado. Destes procesos destacan a exfoliación primaria, onde os bloques de lousa se dividen segundo os planos de foliación; serrado, que consiste en serrar os bloques para obter outros de menor tamaño; labrado, que consiste no tratamento dos bloques para conseguir placas dun espesor comercial; e cortado, proceso onde se lle dá a forma final ás placas. A lousa emprégase fundamentalmente na construción, como pedra de pavimentación e nos taboleiros das aulas. En Galicia as principais zonas produtoras son a comarca de Valdeorras, onde se atopa a maior concentración de explotacións e empresas, principalmente no concello de Carballeda; a comarca de Quiroga, que é o segundo núcleo produtor; a comarca de Ortigueira, a comarca de Mondoñedo e a comarca de Fonsagrada. Galicia é unha das primeiras produtoras e exportadoras de lousa, tanto a España como ao estranxeiro.
Sinónimos: louxa. -
s
f
Peza desta rocha, lisa e delgada que ten diferentes usos, especialmente para a construción.
Sinónimos: louxa. -
s
f
Pedra plana e delgada que se emprega para pavimentar.
Sinónimos: laxa, laxe, louxa.