Lucerna
Cantón de Suíza central (1.493 km2; 351.500 h [2000]). A súa capital é Lucerna. Esténdese pola zona de contacto dos Alpes co Mittelland. É a continuación do altiplano bernés, e constitúe unha rexión de outeiros morénicos e montañas medianas, con profundos vales chans. A poboación, de lingua alemana, concéntrase en máis do 50% na aglomeración da capital. A economía é agrícola e de gandería bovina, o clima é relativamente moderado e o turismo ten importancia. Foi un dos catro cantóns (Waldstätten) que se uniron á Confederación Helvética en 1332. En 1386, acadou a independencia xunto coa da capital e foi gobernado por unha oligarquía a partir do s XVI. Despois do breve dominio napoleónico, nun momento de loitas de relixión, formou parte da Alianza do Sonderbund, vencida e disolta en 1847.