Lugo, catedral de

Lugo, catedral de

Catedral situada en Lugo, baixo a advocación de santa María. Da basílica paleocristiá non se teñen vestixios. Despois das razzias musulmanas de 714, o Rei Afonso I restaurou na sé luguesa ao bispo Odoario, quen en 755 comezou a construción dun novo templo que serviu a Afonso II de modelo para a catedral de Oviedo. Esta basílica contiña doce altares dedicados aos apóstolos. Despois das incursións normandas e a razzia de Almanzor (s X), o templo quedou en estado ruinoso. En 1129 o bispo Pedro III, xunto co deán, os cóengos e catro cidadáns nobres, encargou a construción dunha nova igrexa ao mestre Reimundo de Monforte. Esta primitiva igrexa, de trazas románicas, sufriu reformas e ampliacións en séculos posteriores en estilos gótico, barroco e neoclásico. Son románicos os muros verticais, a bóveda da nave do cruceiro e a maior parte da nave central, das laterais e do triforio, pero as bóvedas refixéronse no s XVIII. Pertencen ao gótico o primeiro corpo da capela maior, o deambulatorio e as capelas absidiais (1320-1360), agás a central; as antigas capelas de San Domingos dos Reis (1370) e San Froilán (1480), que agora forman a capela do Pilar; o primeiro corpo da torre das campás (1570?); e o nártice ou pórtico norte (1510-1530), pero non a portada. En época barroca construíronse a sancristía (1678), a sala capitular (1683), o claustro (1714) e a capela da Virxe dos Ollos Grandes, no centro do deambulatorio. No s XVIII e en estilo neoclásico construíronse o segundo corpo da capela maior, a nova capela de San Froilán e a fachada. Desde o s XVII a catedral ten o privilexio de manter exposto o Santísimo Sacramento permanentemente, ante o que se realiza unha ofrenda anual. A planta é de orixe románica, ten tres naves, a central de maior anchura, que na construción do s XII remataban en tres ábsidas. Os catro primeiros tramos das naves laterais, sobre as que se alza unha tribuna, cúbrense con bóvedas de canón sobre arcos de medio punto; nos restantes tramos empréganse as bóvedas de aresta con arcos apuntados. As tres ábsidas da catedral románica foron derrubadas no s XIV para construír a capela maior e o deambulatorio. Este organízase en tramos trapezoidais cubertos con bóvedas de crucería.
As capelas
As capelas, agás a da Virxe dos Ollos Grandes construída no s XVIII, teñen unha estrutura gótica, presentan planta hexagonal e cúbrense con bóvedas nervadas. A capela maior atópase no centro do deambulatorio e está cinguida por unha bóveda oxival. No corpo superior abríronse ventás con arcos de medio punto deseñados por Carlos Lemaur no s XVIII. Melchor de Prado proxectou o tabernáculo, rematado por José Elejalde no s XVIII. No retablo destaca o entaboamento curvo erixido sobre catro columnas xaspeadas, sobre o que se sitúa o Deus Pai acompañado de anxos nos lados. O remate semicircular está soportado por volutas de madeira, na súa parte superior atópase a Asunción. O sagrario da Eucaristía decórase con relevos de anxos. A capela da Virxe dos Ollos Grandes atópase no centro do deambulatorio, a súa construción supuxo a reforma da cabeceira. Ten planta circular con outra inscrita de cruz grega. Está cuberta por unha cúpula erixida sobre machóns, que remata nunha lanterna. Ten un baldaquino exento de madeira, trazado por Miguel de Romay, que acolle a imaxe da Virxe, unha escultura de alabastro de época románica e policromada posteriormente. As bóvedas da cabeceira e do transepto están decoradas con pinturas murais. Os retablos do cruceiro son do s XVIII, o do brazo norte representa escenas da vida de Xesús Cristo e o do sur da vida da Virxe, estes montáronse no s XVIII a partir dun traballo de Cornielles de Holanda. En 1780 erixiuse contra o muro norte a nova capela de San Froilán, de planta rectangular e cuberta por unha bóveda de aresta. A imaxe do santo, situada no centro do retablo, atribúese a Francisco de Moure. Nesta capela atópase o sepulcro da súa nai, santa Froila, composto por unha figura feminina núa que descansa sobre un sartego, obra do s IX. A capela do Pilar atópase pegada ao muro norte, consta dun tramo cuberto cunha bóveda de crucería (s XVI) e un segundo tramo do s XVII, cun retablo do s XIX. Na prolongación da nave sur do cruceiro atópase a sancristía, obra de Domingos de Andrade. A porta é arquitrabada e está coroada por un frontón curvo e partido. O interior cúbrese cunha bóveda de aresta. Desde a sancristía accédese ao Tesouro, no que destaca a colección de cálices e o relicario de san Froilán. O mesmo arquitecto construíu a sala capitular e o arquivo. Na sala capitular e na tribuna atópase o Museo Diocesano.
O coro e o claustro
O cadeirado do coro é obra de Francisco de Moure, que o realizou entre 1621 e 1625 sobre unha traza arquitectónica de Simón de Monasterio, e que substituíu ao realizado cara a 1320. Nas cadeiras baixas, (27 asentos), atópanse medallóns con retratos de santos, e nas altas, (39 asentos), os apóstolos, David e Moisés e o resto do santoral. Na cadeira espiscopal represéntase a Virxe flanqueda por santo Ildefonso e san Bernaldo, e na parte alta a Coroación. Os retablos do trascoro son obra de Manuel de Prado e Luís A. Fuente. O claustro, proxectado por frei Gabriel de Las Casas, foi realizado por Fernando de Casas entre 1708 e 1714 que engadiu motivos ornamentais barrocos. Ten un só andar aberto e dividido en vans separados por pilastras decoradas con motivos vexetais.
As fachadas
A porta norte construíuse nun estilo oxival tardío. Consta dun pórtico ou nártex datado na época do bispo Pedro Rivera (1515). Consta de tres arcos oxivais, o central de medio punto e os laterais apuntados; e a bóveda do interior é de crucería. A porta é abucinada e consta de tres arquivoltas; o tímpano é lobulado e no centro atópase un medallón coa imaxe de Cristo en Maxestade, en actitude hierática e co libro na man esquerda. Entre os dous arcos do lóbulo atópase unha representación da Santa Cea, e na parte superior un epígrafe escrito en hexámetros latinos. Á beira deste pórtico atópase a Torre Vella, obra de Gaspar de Arce (1571), que consta de dous corpos, o primeiro con ventás góticas e o segundo con arcos de medio punto. O corpo que acolle as campás é octogonal e ten balaustrada. A fachada principal é do s XVIII e proxectouna Julián Sánchez Bort e, despois de pasar a revisión de Ventura Rodríguez na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, foi realizada por José de Elejalde e Alberto Ricoy e finalmente por Miguel Ferro Caaveiro. Consta de dous corpos, o inferior que se organiza con tres portas de arcos de medio punto abucinados, que se corresponde coa estrutura interna do templo; e o superior no que se abren tres ventás de arcos rebaixados a arquitrabados, sobre as que se sitúa un entaboamento de orde composta, roto na súa parte central por un frontón sostido por catro columnas pareadas, flanqueado por torres e que remata nunha balaustrada, sobre a que se atopan as figuras da Fe, no centro, e dos catro evanxelistas, dous a cada lado, obra de Cuádrigas Baamonde. Nas torres, obras de Nemesio Cobreros, abríronse unhas pequenas fornelas que acollen as figuras de san Capitón, primeiro bispo da diocese, e de san Froilán, obra tamén de Cuádrigas Baamonde. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931.