Lugo, comarca de

Lugo, comarca de

Comarca do interior de Galicia, situada no centro da provincia do mesmo nome. Limita ao N coas comarcas de Terra Chá (concellos de Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei) e Meira (concello de Pol), ao L coa Fonsagrada (concello de Baralla), ao S coas comarcas dos Ancares (concello de Baralla), Sarria (concellos de Láncara, O Páramo e Paradela) e Chantada (concello de Taboada), ao SO coa comarca da Ulloa (concellos de Monterroso e Palas de Rei) e ao O coa comarca de Terra de Melide (concellos de Toques e Sobrado). Abrangue unha extensión de 1.363,67 km2nos que acolle unha poboación de 112.218 h (2001), distribuídos entre os concellos de Castroverde (174 km2; 3.378 h), O Corgo (157,3 km2; 4.280 h), Friol (292 km2; 4.685 h), Guntín (154,7 km2; 3.423 h), Lugo (329,6 km2; 88.414 h), Outeiro de Rei (135,6 km2; 4.447 h), Portomarín (115,1 km2; 2.008 h) e Rábade (5,17 km2; 1.583 h). A rede viaria principal está xerarquizada pola estrada radial N-VI, de Madrid á Coruña, que atravesa a comarca de SL a NO, coa misión de comunicar a comarca coa Coruña e o centro peninsular; e de percorrido paralelo á estrada anterior está a autovía A-6 ou do Noroeste, construída dentro dos plans de conexión de Galicia con La Meseta. A rede urbana da comarca está totalmente condicionada pola presenza da cidade de Lugo que non só posúe servicios de alcance comarcal, senón que conta con todo o aparato administrativo e de servicios propios dunha capital provincial. Con menos relevancia destaca Rábade, núcleo de desconxestión industrial da capital provincial, obviando as capitais dos restantes concellos da comarca como núcleos de pouca máis entidade que simples aldeas.
Xeografía física
A comarca caracterízase, esencialmente, pola planitude. Marcada polo curso do río Miño existen dous factores que determinan o relevo, a acción do Miño, que comeza a encaixar o seu cauce augas abaixo da cidade de Lugo, e os relevos montañosos situados ao O, asociados á Dorsal Occidental Galega, e os contrafotes das montañas orientais, ao L. Esta configuración permite distinguir o relevo da comarca en catro partes: no O os relevos asociados á Dorsal; no centro, estendéndose pola maior parte da comarca, as superficies achairadas que continúan cara ao S da Terra Chá; no L os contrafortes das montañas orientais, e por último e, nun limitado espacio, as terras deprimidas que son o inicio do que será máis ao S o canón do Miño. A primeira unidade morfolóxica ocupa a franxa máis occidental do concello de Friol e parte dos concellos de Guntín e Portomarín. O núcleo central coincide co núcleo da Dorsal Occidental Galega que marca o límite occidental de Friol e Portomarín, ademais do comarcal. Consiste nunha sucesión de serras, montes da Vacaloura, Ligonde, Careón, Corno do Boi ou Cova da Serpe, todas elas de dirección N-S que delimitan a conca do Miño das dos ríos Ulla, Tambre e Mandeo. A altitude media deste sistema está nos 700-800 m, destacan en Portomarín os montes Narón (800 m) e Pena da Lebre (747 m); e en Friol, Pena Armada (765 m), Campelo (801 m) e A Cova (838 m). Este núcleo central vese prolongado por unha serie de cordais de menor entidade con dirección O-L ou ONO-LSL que descenden en altura progresivamente ata o río Miño, destacan o cordal de Ousá (741 m), o monte Gandarela (690 m) e o monte Picato (783 m). No centro, unha ampla depresión sedimentaria, que enlaza as planicies da Terra Chá e da depresión de Sarria, ocupa a maior parte da comarca. O territorio dos concellos de Rábade e Outeiro de Rei, o centro e L de Friol, case a totalidade dos do Corgo e Lugo, e o O de Castroverde están englobados dentro desta unidade territorial. Neste espazo as alturas oscilan entre os 400-500 m de altitude, que se incrementan suavemente cara aos rebordos montañosos occidentais. O tramo máis meridional do Miño conforma unha terceira unidade, a máis cativa en superficie. O curso deste río tende a encaixarse progresivamente a partir da cidade de Lugo e as características propias do seu curso alto desaparecen e dan paso á existencia de fortes pendentes entre o seu curso e a penechaira central, tanto na súa marxe esquerda no concello do Corgo, como na marxe dereita ante as serras que descenden desde a Dorsal Occidental Galega nos concellos de Guntín e Portomarín. Este territorio, en boa parte, está ocupado pola cola do encoro de Belesar. Por último, atópanse os contrafortes das montañas orientais de Galicia que ocupan o L da comarca. Estes montes esténdense polo L de Castroverde (serras de Puñago e do Mirador), seguen unha dirección meridiana, con altitudes entre os 800 e os 1.000 m, e destacan entre as cotas máis elevadas no Marco da Lagúa (942 m) e o monte Pradoiro (1.029 m). O clima pode ser considerado como oceánico continental no centro e O da comarca, mentres na franxa oriental é de tipo oceánico de montaña. As temperaturas son moderadas, rexístranse temperaturas medias anuais ao redor dos 11,7°C, con invernos fríos (5,6°C en xaneiro) e veráns moi suaves (18,6°C en agosto). As precipitacións son tamén moderadas, varían entre os 1.000 mm nas terras centrais más deprimidas e os 1.300 mm nos territorios de altitude superior circundantes. A rede hidrográfica conta co río Miño que segue unha dirección N-S, e que pasa dun curso caracterizado por nulas pendentes e unha escasa capacidade de escavación do seu terreo circundante, a outro onde se incrementa a pendente e a diferenza entre a altitude do seu curso e o terreo circundante é bastante superior. A fronteira entre ambas as dúas partes pode marcarse, aproximadamente, na cidade de Lugo, afundíndose cara ao S progresivamente por antecedencia ao quedar flanqueado por bloques de terreo progresivamente máis elevados. Pola dereita os afluentes máis importantes son o Ladra, o Narla e o Ferreira; o primeiro desemboca no Miño ao pouco de penetrar na comarca, discorre brevemente polas terras do NO de Outeiro de Rei onde desemboca. Río abaixo, e tamén pola dereita, recibe o Narla, responsable da drenaxe da meirande parte do concello de Friol e breves sectores dos de Outeiro de Rei e Lugo, que segue unha dirección primeiro OSO-LNL para logo seguir outra O-L e desembocar neste último concello. O Ferreira, río de curso encaixado, marca a fronteira entre Guntín e Portomarín, nace nos contrafortes máis meridionais da serra do Careón, segue unha dirección predominantemente ONO-LSL e tras recibir unha serie de afluentes procedentes da serra de Ligonde e das serras Samai e Lavadoiro desemboca entre Guntín e Portomarín. Finalmente conta tamén con outros cursos de escasa entidade como o Mera, que rega parte do concello Lugo; o Lavandeira, que tras nacer en terras de Calde desemboca cerca de Lugo; e o Vilamoure, o Colmeiro e o Val que drenan terras do S do concello de Lugo e L de Guntín. Pola esquerda a rede fluvial é menos complexa, os principais afluentes son o Chamoso e o Neira. O primeiro nace entre os concellos de Lugo e O Corgo, é curto pero a súa transcendencia increméntase debido á súa rede fluvial tributaria, rega así o L de Lugo, o N do Corgo e o O de Castroverde. Máis transcendencia ten o Neira, río que atravesa brevemente a comarca, pero que condiciona a súa parte sudoriental, case todo O Corgo e o L de Castroverde, grazas aos seus tributarios como o Tordea ou o Maceda. O resto dos tributarios do Miño pola esquerda teñen escasa importancia. A vexetación destaca pola abondosa presenza de especies propias do país. Persisten moitas superficies ocupadas por carballos e, en menor medida, por castiñeiros que en moitas ocasións forman masas compactas e noutras sebes vivas que separan prados ou superficies cultivadas. A estes engádese a vexetación de ribeira, freixos, amieiros e salgueiros, xunto a algúns chopos plantados nas últimas décadas. Tamén posúe especies de repoboación, usualmente piñeiros, en moitas ocasións mesturados coas anteriores ou ben ocupando parcelas destinadas a ese uso. Nas terras de máis altitude o dominio corresponde ben ao mato, xestas e toxos, ben a áreas de repoboación.
Xeografía humana
A poboación da comarca de Lugo caracterízase pola súa vitalidade, o principal motor do seu crecemento demográfico é a capital provincial. Ao longo do século pasado o seu crecemento foi notable, en 1900 había 56.748 habitantes, e en 1996 sumaban 109.897, o que representou un incremento dos seus efectivos da orde do 93,7%. Posuír nos seus límites un centro administrativo de alcance provincial foi o principal factor de crecemento desta comarca. A cidade de Lugo atraeu unha gran cantidade de inmigrantes, non só da comarca, senón tamén do resto do territorio provincial. Esta circunstancia xera en moitos anos saldos migratorios positivos, co que compensou a continua emigración dos restantes concellos da comarca, plenamente rurais. A pesar de todo, non se pode constatar un ritmo de crecemento continuo. Entre as fases de expansión aparecen outras de estancamento e, mesmo, de retroceso demográfico. Esta situación afasta esta comarca das máis dinámicas do litoral e, pola contra, aproxímaa á situación das máis progresivas do interior onde non se pode falar de progresión continua senón de alternancia de fases expansivas con outras regresivas. As etapas onde se rexistra unha expansión da súa poboación son tres, unha primeira, que vai desde 1887 ata 1910, onde a pesar da emigración cara a América a poboación aumentou a un ritmo do 1,55% interanual, na que medraron en maior ou menor medida a totalidade dos concellos, nestes anos a poboación asentada no concello lucense ascendeu desde o 35,2% de 1887 ata o 46,4% e iniciouse o proceso de concentración na capital. A segunda etapa de crecemento vai desde 1930 ata 1950, durante estes anos o crecemento interanual foi superior ao acadar o 2%, circunstancia en que incidiu a detención dos fluxos migratorios pola desfavorable conxuntura externa e a incidencia da Guerra Civil e a posterior posguerra. Nestes anos a poboación dos distintos concellos medrou, agás a dos máis occidentais, Friol e Guntín, e a do máis setentrional, Outeiro de Rei. Sufriron incrementos espectaculares Rábade e Lugo, que se consolidou como principal núcleo urbano da provincia. A terceira e última fase de expansión é a etapa comprendida entre 1970 e 1991, cun crecemento interanual do 1,5%, e que coincidiu cos anos de cesamento da emigración, modernización do agro e conformación dun notable complexo agroindustrial ao redor da capital provincial; nestes anos o groso do crecemento corresponde ao concello lucense (pasa do 66,1% da poboación comarcal ao 77,4%), ao rexistrar saldos negativos os concellos rurais, tanto por perdas emigratorias ao dirixirse parte da súa poboación á cidade de Lugo, como por razóns vexetativas ao acusar a súa estrutura por idades a continua corrente emigratoria das décadas precedentes. Estas fases de expansión vense separadas por outras, máis breves, de estancamento ou retroceso demográfico. A primeira, de clara decadencia, coincide coas décadas comprendidas entre 1910 e 1930, durante a que o crecemento interanual foi do -0,2%, e na que contrasta a década de 1910 de forte contracción e a década de 1920 de matizada recuperación. Contribuíron a estas perdas as fortes correntes emigratorias transoceánicas ata a Primeira Guerra Mundial e a incidencia da gripe de 1918. O groso das perdas concéntrase no concello de Lugo (pasa de concentrar do 46,4% ao 41,6%) e no de Portomarín, aínda que incrementan a súa poboación o resto dos concellos da comarca. O segundo episodio negativo coincide coas décadas de 1950 e 1960, anos en que se perderon efectivos demográficos a un ritmo interanual do -0,1% pola conxunción dunha leve corrente emigratoria transoceánica durante a década de 1950, e outra moito máis forte en termos cuantitativos con dirección a Europa ou aos principais centros industriais españois durante a de 1960, contrariamente á primeira etapa de recesión poboacional as perdas non se rexistran na cidade de Lugo (do 54,8% dos efectivos demográficos comarcais de 1950, pasa ao 66,1% de 1970), senón nos concellos do rural, agás Rábade. A última etapa de recesión demográfica coincide coa primeira metade da década de 1990, nestes anos decrece nun -1,1% interanual, perdas concentradas na capital ao pasar a representar o 77,5% da poboación comarcal. En consecuencia, a composición por idades da súa poboación está moderadamente avellentada. Os menores de vinte anos superan por pouco aos maiores de 65, por termo medio os primeiros representan a quinta parte da poboación (21,4%) e os segundos quedan lixeiramente por debaixo (19,6%). Estas porcentaxes son o resultado da convivencia de espacios relativamente novos (no concello de Lugo os menores de vinte anos supoñen o 22,6% contra o 17,3% dos maiores de 65 anos), con outros xa marcadamente avellentados (nos restantes concellos os máis vellos superan amplamente o grupo dos máis mozos). No reparto da poboación por sexos, as mulleres cun 52,2% exceden aos homes.
Xeografía económica
A agricultura é unha actividade pouco relevante, no conxunto comarcal non ocupa máis que o 15,8% da man de obra. Repártese de xeito desigual ao non ter máis que unha presenza residual nos concellos de Lugo (6,2%) e Rábade (4%), pola contra, adquire máis presenza no resto dos concellos da comarca (Castroverde, 63,5%, ou Friol, 59%). Trátase dunha actividade vinculada á gandería, os prados e pastos ocupan o 52,2% da superficie agraria útil. A presenza dunha importante industria de transformación de produtos agropecuarios (leite e carne) contribuíu de modo decisivo a esta orientación produtiva, polo que perviviron multitude de explotacións de grandes dimensións, mecanizadas e moi integradas nos circuítos de mercado. Menor extensión ten a superficie cultivada, que suma o 47,8% da superficie agraria útil. Os principais cultivos son as forraxes (59,0% da superficie cultivada), a pataca (11,5%), o centeo (11%) e o millo (7,9%). Esta vocación gandeira non só está exemplarizada pola superficie destinada a prados e pastos, ou pola relevancia dos cultivos forraxeiros. As reses de vacún suman un total de 69.790, en 4.410 explotacións (granxas de gran dimensión, ao dar un promedio de 15,8 reses por explotación), das que 61.326 son vacas destinadas preferentemente á produción de leite (66,1%). Destacan, polo número total de reses de gando, Friol (12.602 reses), Guntín (10.639) e Lugo (16.148), concellos onde predomina a vocación leiteira agás o primeiro onde as vacas destinadas á carne exceden por pouco ás primeiras. Menos transcendencia ten o porcino, xa que suma 4.201 pezas para a reprodución e 26.825 para o sebo, e é Portomarín o concello onde adquire máis relevancia. A industria é o terceiro sector económico en importancia, dá traballo ao 12,3% da man de obra, principalmente nos concellos do Corgo (13,5%), Lugo (12,4%), Outeiro de Rei (18,02%) e Rábade (22%). Actualmente existen dúas grandes superficies destinadas á localización de instalacións industriais: o polígono industrial do Ceao, na periferia N da cidade de Lugo, e o polígono industrial de Rábade, destinado á desconxestionar a capital provincial. As principais industrias están relacionadas coa transformación de producións agropecuarias, como o tratamento e envasado de leite, a industria cárnica, a transformación de madeira ou a torrefacción e envasado de café. Na produción de materiais de construción destaca a elaboración de formigón dosificado, a produción de fiestras e portas de aluminio, os derivados plásticos e a metalúrxica. Menor presenza ten a construción ao dar traballo ao 8,3% da poboación ocupada comarcal. A súa maior representatividade acádaa nos concellos de Friol (8,8%), Guntín (9,5%), Outeiro de Rei (10,43 %) e Portomarín (12%), no concello de Lugo representa só o 8,2%; pola contra, en Castroverde só supón o 6,2%, no Corgo o 6,5% e en Rábade o 8%. Esta actividade asenta a súa vitalidade na actividade inmobiliaria da cidade de Lugo, especialmente dinámica coa urbanización dos polígonos residenciais de Aceña de Olga e Augas Férreas. A actividade civil e inmobiliaria alimenta unha forte presenza de actividades auxiliares, como electricistas ou fontaneiros. O principal sector económico son os servicios, cun 63% dos ocupados, polo que resulta ser a comarca da provincia lucense onde acada máis representatividade tanto por conter o principal centro administrativo, como por posuír o equipamento comercial e de prestación de servicios máis completo. Á cabeza está o concello de Lugo, onde se concentra case toda a actividade terciaria comarcal que ocupa o 73,2% da man de obra, seguido por Rábade cun 66%, aínda que noutros concellos, como Castroverde (20,7%), ten un peso menor. Na cidade de Lugo unha parte dos ocupados nos servicios atopan traballo na administración, en Xustiza e nos servicios asistenciais de carácter público. Pero tamén a capital lucense conta cun robusto sector privado no que se refire aos servicios asistenciais, financeiros , de transportes e de servicios persoais ou comerciais. Nos restantes concellos a oferta de servicios é máis modesta, limitada a atender a escasa demanda residente neles e cunha primaria oferta de servicios públicos.
Historia
O crecemento e a evolución da comarca de Lugo estivo marcado polo asentamento de poboación desde a Prehistoria, a importancia da capital en época romana, e o paso do Camiño de Santiago. Atopáronse vestixios prehistóricos en todos os concellos, entre os que destacan os túmulos megalíticos de Friol, situados entre Vilafiz e Gonce así como o recinto protohistórico de Agro do Castro. En Guntín consérvanse numerosas mámoas en Monte Ladoiro, Servián, Lamasalgueira, Vilameá e Monte Barreiros. De época castrexa apareceron restos materiais nos asentamentos de Cellán e da Croa, en Espasante; de Eirexe, Gomeán e Queizán de Abaixo, no Corgo; de Guntín e Romil, en Friol; de Picato e Piñeiras, en Guntín; do Castedo e O Castro, Candai e Monte Maior, en Outeiro de Rei; e de Castromaior, da Virxen, Bedro, San Nicolao e Villa, en Portomarín. No s I a C Paulo Fabio Máximo fundou Lucus Augusti. A partir dese momento a vida económica da comarca quedou vertebrada, xa que se creou con fins administrativos para facilitar o comercio das explotacións. O Corgo e Castroverde formaban nesa época o condado de Flammosos. En Guntín atopáronse vestixios materiais como aras dedicadas á divindade Navia e miliarios como os de San Romau de Retorta ou os sartegos na Torre na parroquia de Santa Uxía. En Portomarín construíuse unha ponte no s II que se aproveitou máis tarde como paso do Camiño de Santiago. En época sueva, a partir do s V, Lugo seguiu desempeñando un importante papel como centro relixioso e acadou a categoría de igrexa metropolitana. Houbo avances na organización do espazo e Rábade alcanzou a categoría de couto real. Cos visigodos, a partir do 585, a cidade comezou a decadencia cun descenso da poboación. Friol adquiriu importancia e creouse o condado de Narla mentres que Rábade puido ser o condado de Superata. Despois da breve conquista árabe de Lugo (713), cara a 740 foi reconquistada polo Rei Afonso I. Durante a Idade Media, nos lugares que compoñen a comarca, dominaron diferentes casas nobres: Castroverde pertenceu á Casa de Lemos ata o s XVI, que pasou a mans dos Altamira; O Corgo nun primeiro momento pertenceu ao bispado de Santiago de Compostela e no s XI pasou á coroa; Friol tivo numerosos donos, como os Parga, os San Paio de Narla e Ulloa, o bispo de Lugo, a orde de Santiago ou os mosteiros de Sobrado e Toques; Guntín creceu arredor do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares, que durante os ss X e XII recibiu numerosas doazóns que o converteron nun dos mosteiros máis importantes da mitra lucense, ata que en 1517 se anexionou ao de Samos; Outeiro de Rei pertenceu ao señorío de Sarria e tamén estivo vinculado á casa de Lemos; Rábade en 1078 era condado de reguengo de Outeiro de Rei e obtivo o título de vila no s XI. Comezou tamén na Idade Media a importancia da ruta xacobea, con núcleos como o de Castroverde, onde se instalou un hospital de peregrinos, e Portomarín, nomeado no Códice Calixtino como “Pons Minea” (ponte do Miño). A fundación do hospital deste lugar puido estar ligada aos pais de san Rosendo, os condes Gutierre e Ilduara, pero pasou a estar baixo o coidado da orde de Santiago e despois da encomenda de San Xoán. Rábade tamén destacou por ser un nó de comunicacións co paso do Camiño Real que unía Madrid coa Coruña, xunto con Lugo, que en 1528, foi nomeada por Carlos I capital do Reino de Galicia. A Guerra da Independencia (1809) tamén afectou a diversos territorios da comarca como Rábade e Lugo. As Guerras Carlistas tiveron na zona varios episodios como en Friol; en Guntín, onde apresaron o frade carlista Benito Rodríguez; en Rábade, que foi lugar de avituallamento dun destacamento isabelino; e no mesmo Lugo, que contribuíu á constitución da Xunta Superior do Reino de Galicia. O s XIX foi de dinamización da vida da cidade coa fundación de diversas institucións culturais e coa participación cidadá en diversos movementos políticos como o federalismo. Durante o Antigo Réxime, o territorio comarcal, integrado na antiga provincia de Lugo, estaba dividido nunha pluralidade de xurisdicións dependentes das institucións eclesiásticas, da nobreza, de integrantes da fidalguía e da coroa. Baixo o poder clerical, ás veces compartido coa nobreza, atopábanse as terras da xurisdición do bispo de Lugo, como Lugo con tres parroquias en Castroverde, tres no Corgo, dúas en Friol, catro en Outeiro de Rei e a meirande parte dos actuais municipios de Guntín e Lugo, ao que se engadía o Couto Redondo de Gomeán no Corgo. O mosteiro de Samos exercía a súa autoridade sobre Ferreira de Pallares, con catro parroquias de Guntín e dúas de Portomarín, e sobre a de Rozas, cunha en Portomarín. A orde de San Xoán contaba coa xurisdición de San Xoán de Portomarín en seis parroquias do actual municipio do mesmo nome. O convento dos dominicos de Lugo, conxuntamente coa encomenda de Portomarín, contaba coa xurisdición de Manán e San Fiz no Corgo, e a de Montecubeiro contaba con dúas freguesías en Castroverde. O cabido de Santiago exercía o seu poder sobre a de Recelle, parroquia en Portomarín. A nobreza contaba cun elevado número de xurisdicións, ás veces tamén compartidas con membros doutros estamentos sociais. O conde de Monterrei dispuña da de Augasantas (dúas parroquias en Friol) e Monterroso (catro en Portomarín); o conde de Amarante, da de San Miguel das Penas e da de Nodar, exemplo de xurisdición compartida xa que tamén tiñan poder sobre ela o mosteiro de Sobrado e un membro da fidalguía; o marqués de Bóveda, sobre a de San Pedro de Portomarín; o marqués de Viance sobre a de Hospital da Cruz; o conde de Lemos contaba coas de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Adai; o conde de Quirós posuía a de Cela; o marqués de Montaos, a de Neira de Rei; o conde de Altamira, a de Castroverde, e o marqués de Campos, o couto redondo de Caborrecelle. Os membros da fidalguía tamén dispuñan de xurisdicións como a de Ombreiro (unha parroquia en Lugo), Torredez (dúas en Lugo e tres en Friol), Arxemil e Fonteita (tres no Corgo), couto redondo de Riomol (unha en Castroverde), couto redondo de Aguiar (unha en Outeiro de Rei), Mosteiro (unha en Outeiro de Rei), couto redondo de Sobrado de Aguiar (unha en Outeiro de Rei), couto redondo de Santa Euxea (unha en Guntín), Friol (cinco nese mesmo concello), Lamas e San Xurxo (dúas en Friol), Miraz (unha en Friol), San Paio de Narla (cinco en Friol), San Pedro de Narla (dúas en Friol), Rosende (unha en Friol) e Trasmonte (dúas en Friol). O reguengo contaba cunha extensión moito máis limitada, e exercía directamente a súa autoridade sobre Parga de San Breixome (unha parroquia en Friol). A través do Real Concello da Orde rexía a xurisdición da Terra da Orde (catro en Friol). Coa reordenación administrativa de 1835 conformáronse sobre este territorio unha pluralidade de concellos. Castroverde posuía unha extensión diferente á actual ao contar con algunhas parroquias de Baleira e non ter outras que pertencían ao desaparecido concello de Neira de Rei. O Corgo estaba dividido en Adai, unha parte pertencente a Póboa de San Xulián e outra a Lugo. Friol dividíase nos de Torredez, San Paio de Narla (partido de Vilalba), Terra da Orde (partido de Melide), Friol e partes integradas nos de Parga, Guitiriz e Lugo; Guntín aparecía dividido entre o de Ferreira de Pallares e Lugo; Lugo posuía unha extensión moi superior á actual; Outeiro de Rei adquiría unha configuración idéntica á presente; Portomarín estaba seccionado entre os concellos de San Xoán de Portomarín, San Pedro de Portomarín e pertenzas dos veciños de Ferreira de Pallares e Monterroso; e Rábade estaba integrado en Begonte e, polo tanto, pertencía ao partido de Vilalba. Esta distribución municipal variou sustancialmente en 1840, cando naceron os concellos actuais a excepción de Rábade e Portomarín, que permanece desde entón no partido de Chantada. En 1920 Rábade segregouse de Begonte e pasou a engrosar o partido xudicial lucense. O territorio comarcal aparece cohesionado pola capital lucense e a totalidade das estradas parten radialmente da capital. A este carácter focal das comunicacións únese a total dependencia do espazo rural aos servicios de Lugo, así como a concentración da oferta de postos de traballo nesta última, só complementada por un desenvolvemento urbano moi feble de Rábade.
Patrimonio cultural
O patrimonio da comarca é abundante, aínda que está moi concentrado na cidade de Lugo. Da época romana cómpre destacar a muralla de Lugo, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e todos os restos atopados na cidade, como os baños públicos e a ponte, reformada no s XX; tamén da época romana é Santa Baia de Bóveda, ninfeo cristianizado no s IV, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931. A Idade Media deixou diversas pegadas nas construcións relixiosas, destacan a igrexa prerrománica de Soutomerille en Castroverde; as románicas de Santiago de Gomeán e Santa Baia de Quinte no Corgo; as de Anafreita e Narla en Friol; a de Santa María de Ferreira de Pallares en Guntín (BIC, 1979); a de Candai en Outeiro de Rei; a igrexa fortaleza de San Xoán ou San Nicolao de Portomarín (BIC, 1931); as góticas de Vilabade en Castroverde, e Guimarei en Friol; e a catedral de Santa María de Lugo. Outras construcións que destacan da capital son a igrexa de San Froilán, o antigo convento de San Francisco, convertido en Museo Provincial, e o convento de San Domingos. No ámbito da arquitectura civil destacan as torres de Arriba e Abaixo en Soutomerille, Castroverde (BIC, 1994); os pazos do Corgo ou dos Valcárcel e a casa de Ulloa no Corgo; a fortaleza de San Paio de Narla (BIC, 1994), e o castelo da torre de Miraz (BIC, 1994) en Friol; o castelo de Besgos, o castelo torre de Francos, a casa fortaleza da Mota e a casa torre de Santa Euxea, todos eles declarados BIC en 1994 en Guntín; a casa do concello e a Deputación Provincial en Lugo; o pazo de Mirapeixe e a casa torre da Barreira en Outeiro de Rei; o pazo de Berbetouros e a casa do conde en Portomarín; e o pazo de Miraflores en Rábade. Entre as festas que se celebran na comarca destacan as de Santiago en Castroverde, a Virxe das Virtudes no Corgo, Nosa Señora e a Virxe do Ermo en Friol, San Froilán, o Corpus e a Semana Santa en Lugo; o Santo Cristo das Victorias en Portomarín, e Santa Isabel en Outeiro de Rei; ademais do Entroido de Lugo e a festa dos Maios en Portomarín.