Lugrís González, Urbano

Lugrís González, Urbano

Pintor surrealista, ilustrador e escritor, fillo de Manuel Lugrís Freire. Na súa formación resultou especialmente importante a figura da súa nai, Concepción González Varela, pianista, quen o introduciu no mundo da música, moi presente na súa pintura (Sinfonía en mar maior, 1971; Gaiteiro, 1972). O seu nome e os seus antecedentes pitóricos débellos ao seu tío, Urbano González Varela, e o escritor Francisco Tettamancy Gastón representou para el unha grande amizade e a influencia dentro do mundo literario. Na década de 1930, a cabalo entre Santiago de Compostela e Madrid, comenzou a súa andaina como debuxante e pintor de decorados, colaborando no teatro de títeres das Misións Pedagóxicas. Na capital española fixo grandes amizades (Rafael Dieste, Lorca ou Alberti) e frecuentou o Museo del Prado. Na década de 1940 trasladouse a Vigo, onde traballou case exclusivamente durante ese período (Berbés, 1943) e onde comenzou a despuntar plenamente como artista. Os seus campos de actuación non se limitaron á pintura, senón que cultivou a poesía, a narración e o relato xornalístico. Desde 1942 publicou os seus escritos en El Pueblo Gallego, dos que destacaron “Tres sonetos de las Cíes” (1942), “Evocación de una casa en el mar” (1943) e “El tesoro de las islas Cíes” (1945), en que foron contínuas as referencias explícitas ao mar, que tratou como tema principal. Foi nas páxinas deste xornal onde empregou por primeira vez o pseudónimo Ulyses Fingal (“El buzo y la sirena,” 1945). Ademais de textos, publicou as súas ilustracións e incluso fixo varias cabeceiras por encargo dos propios xornais. No terreo pictórico realizou   cadros de cabalete de pequeno formato e tamén composicións maiores, con estrutura de retablo ou políptico. A delicadeza e a precisión do seu debuxo víronse especialmente favorecidas ao desenvolver o seu traballo sobre táboa. Estudioso do mar, foi o centro temático das súas obras (Fiestra, 1943; Desde o balcón, 1946; Illa, 1945; Lenda Mariña, 1946), que na súa vertente surrealista e fantástica (Serea alada, 1946; Serpe de mar, 1946), mesturou con todo tipo de elementos (cunchas, sereas, estrelas de mar), obxectos (botellas, campás) e incluso construcións (barcos, edificacións ruinosas). Nas súas pinturas, a figura humana (Principio e fin, 1948), foi proposta como tal e case nunca como imaxe referencial da súa época, a excepción do óleo Dous mariñeiros. Durante esta etapa pintou dous dos seus cadros máis emblemáticos, Cuarto do vello mariño (1946), adquirida polo Concello de Vigo ese mesmo ano e trasladada ao Museo Municipal Quiñones de León, e Anticuario do porto (1946), obra principal da colección san Claudio, subministradora da Colección Caixa Galicia. Os dous representan interiores cheos de mobles e obxectos relacionados co mar: mapas, esferas, barcos e sextantes, que lle serviron para dotar as escenas de simboloxía e personalizacións, entre elas, a propia sinatura, composta polo seu apelido e unha áncora ao seu carón. Se a década de 1940 fora especialmente viguesa para Lugrís, a década seguinte pasouna na Coruña (Torre de Hércules, 1960), aínda que realizaría algunha viaxe a Madrid. Deste período destacou a súa actividade como muralista e a crecente importancia da súa creación literaria, que mostrou con colaboracións nas publicacións Vida Gallega, que ilustrou con cubertas como Alegoría Mariñeira, e a revista Atlántida, en que ocupou un lugar destacado en canto a portada e maquetación. Nela publicou poemas como “Homenaje a Julio Verne” e “Mensaje a Manuel Antonio”. Dos anos 1950-1951 é Políptico do descubrimento, de dimensións murais, formado pola ensamblaxe de trece pezas e realizado por encargo do Instituto de Cultura Hispánica para a súa sede en Madrid. Tamén desta época foron os murais para o Restaurante Fornos da Coruña, o do Café Nova Galicia de Santiago de Compostela (1954) ou os da Casa do Pescador, en Malpica de Bergantiños. En 1959 pintou os grandes murais do Gran Hotel de Vigo. Foron especialmente características as súas representacións Romaría galega (1960 e 1971) e Mariña (1969). Os seus últimos anos, especialmente desde a morte da súa muller en 1961, foron os peores para o pintor. En 1963 ilustrou o libro de poemas Illa de dous, de Miguel González Garcés, e pintou Calvario e Fuxida de Exipto. Desde 1964 trasladou a súa residencia definitivamente a Vigo (Homenaxe aos galeóns de Rande, 1970). As súas últimas obras foron Son os meus amores máxicos (1970), Pegamento da primavera da morte, Homenaxe aos músicos e poetas do mar (1973) e as colaxes As coxunturas do mar (1971), Memorias de velociclopedista (1972) e Roubadora do tempo (1973).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : Vigo