Luis de León

Luis de León

Escritor. Coñecido como Fray Luis de León, pertenceu á escola salmantina, foi profesor na orde agostiña (1544) e acadou a cátedra de Filosofía Moral e de Sagrada Escritura na Universidad de Salamanca. A súa obra lírica caracterízase por unha gran perfección formal, que fai de marco a unha gran sobriedade e simplicidade expresivas. Representa a máis alta realización da corrente horaciana iniciada por Garcilaso de la Vega na súa obra A la flor de Gnido. As súas fontes de inspiración son os clásicos, a Biblia e os Pais da Igrexa, sobre todo santo Agostiño. A base platónico-augustiniana do seu pensamento e a súa concepción harmónica do cosmos son indispensables para comprender a súa poesía. Por mor do seu Comentario al Cantar de los Cantares (1561) foi encarcerado (1573-1576) pola Inquisición de Valladolid como sospeitoso en materia de fe, posto que os canons prohibían as traducións dos libros santos á lingua vulgar. Ademais de comentarios bíblicos, escribiu en prosa La perfecta casada (1583) e De los nombres de Cristo (1583). Tamén editou por primeira vez as obras de santa Tareixa de Xesús. As súas poesías foron pouco coñecidas en vida, pois a primeira edición que se fixo delas realizouna Francisco de Quevedo (1631), dedicada ao conde-duque de Olivares.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Belmonte de Tajo

  • Deceso

    Lugar : Madrigal de las Altas Torres