Lusacia

Lusacia

Rexión de Alemaña que se estende sobre o NL de Saxonia, o S de Brandenburgo e unha parte de Baixa Silesia. No s IX estaba habitada por tribos eslavas sorabas, que foron sometidas e cristianizadas a partir de 963. Inicialmente dominada polos polacos (1002-1031), diferentes margraves xermánicos someteron posteriormente á escravitude a maior parte da poboación. Incorporada a Bohemia en 1368, pola Paz de Praga (1635) pasou ao electorado de Saxonia, e en 1815 foi dividida entre Saxonia e Prusia. Durante o s XIX os sorabos conservaron a súa lingua e os seus costumes, a pesar da política de xermanización imperante. A República Democrática Alemana tomou medidas para favorecer o desenvolvemento da cultura soraba.