Luxemburgo
Capital do Gran Ducado de Luxemburgo e do cantón homónimo (76.833 h [2001]). A cidade antiga, fortificada, érguese sobre un meandro que se eleva a 70 m de altitude sobre os profundos vales do Alzette e do Pétrusse. É un importante centro comercial, financeiro e industrial (industria mecánica, téxtil, de tabaco, alimentaria e cerámica). En 1244 a condesa de Luxemburgo Ermesinda outorgou á cidade unha grande autonomía, que lle foi abrogada en 1443 por Filipe III de Borgoña, como represalia pola resistencia dos luxemburgueses. Foi ocupada por Francia (1684-1697), Prusia (1815-1867) e Alemaña (1914-1918 e 1940-1945). Sede de moitos organismos internacionais, desde 1952 é sede da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro e da Unión Europea (secretariado do Consello de Europa, Tribunal Europeo de Xustiza). As súas antigas fortificacións foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1994).