Luzón
Illa de Filipinas, situada ao N do arquipélago, entre o Pacífico, ao L, e o mar de China Meridional, ao O (108.172 km2; 23.900.796 h [1980]). A súa capital é Manila. O N da illa é montañoso, e a parte central é máis elevada ca a parte oriental, coa Sierra Madre (Cetaceo, 1.834 m). Na parte occidental están as montañas de Zambales. O S está formado polas penínsulas Batangas (ó S) e Camarines (ó SL). O clima é tropical, con estación seca e fresca de outubro a marzo, e con frecuentes furacáns no N. Os ríos principais son o Cagayan e o Pampanga. A poboación está constituída por unha gran variedade étnica: os pobos malaios ocupan o centro, a costa occidental e a península de Camarines, nas montañas hai pequenos grupos indíxenas dedicados á caza e á agricultura máis primitiva, e o resto está poboado por mestizos de españois e malaios e por chineses. As cidades máis importantes son Manila, a capital, e Batangas, Cabanatuan e Tarlac. A riqueza económica baséase nos produtos agrícolas e na minería. A industria localízase en Manila.