Lyon

Lyon

Capital do departamento de Rhône, Francia, situada na confluencia dos ríos Saona e Ródano (445.452 h [1999]). A súa posición xeográfica entre a Europa alpina e a Europa herciniana potenciou a importancia e influencia da cidade. Predomina o sector terciario con centros de xestión e servicios bancarios, xurídicos, comerciais e financeiros. Creáronse inmensos ramais industriais e residencias nas chairas aluviais. Foi fundada en 43 a C, co nome de Lugdunum. Despois dunha época de esplendor foi invadida polos hunos (s V) e posteriormente ocupada polos visigodos. Formou parte tamén do Reino de Borgoña-Provenza. En 1032 pasou a pertencer ao Sacro Imperio Romano-Xermánico. No s XIII a burguesía puxo a cidade baixo a protección do rei de Francia. As súas liberdades comunais e a súa situación como lugar de paso entre as cidades italianas, francesas e flamencas fixeron da cidade un próspero centro mercantil entre os ss XIV e XV. Na primeira metade do s XVI experimentou a época de maior apoxeo, que rematou co comezo das Guerras de Relixión. En 1793 tivo lugar unha revolta federalista que a Convención Nacional reprimiu duramente, con máis de 2.000 persoas guillotinadas. Durante a ocupación de Francia na Segunda Guerra Mundial foi un dos principais centros de resistencia fronte a Alemaña. Do seu patrimonio cultural destacan os restos da cidade romana, cun teatro importante (ss I-II), a catedral de Saint-Jean (ss XII-XV) e as igrexas de Saint-Martin de Ainay (s XII) e de Saint-Bonaventure (ss XIV-XV). O seu centro histórico foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade (1998).