Marcos, san

Marcos, san

Evanxelista. De nome Xoán e de orixe xudía, tomou o nome romano de Marcos como sobrenome. Nos primeiros textos aparece como Xoán Marcos, o que fai crer que era un xudeu que pertencía ao mundo grego. Curmán de san Bernabeu, acompañou a este na viaxe que fixo con san Paulo a Antioquía, Chipre e Asia Menor. Estivo en relación estreita cos apóstolos, especialmente con san Paulo e san Pedro, e segundo a lenda, marchou por mandato de san Pedro a Alexandría, onde fundou unha comunidade cristiá. Máis tarde foi martirizado por unha multitude, que o arrastrou polas rúas cunha corda ao pescozo. A lenda conta tamén que quixeron queimar o seu corpo, pero empezou a chover moito e inundouse todo Exipto. En 828, comerciantes venecianos roubaron o seu corpo e levárono a Venecia, o que provocou a transformación no centro do seu culto. Escribiu o segundo Evanxeo e nos primeiros séculos do cristianismo, o seu Evanxeo considerouse o de san Pedro, porque ao parecer escribírao ao ditado do apóstolo. É avogoso dos meigallos e amansa os bois bravos. Na iconografía viste túnica e manto coma os outros apóstolos, ás veces tamén aparece coma bispo, e o seu atributo é o león. Por ser patrón dos zapateiros pode levar algún instrumento relacionado con esta profesión. A súa festividade celébrase o 25 de abril.