María, santa

María, santa

Nai de Xesús Cristo, filla de santa Ana e san Xoaquín. Mencionada discretamente na literatura neotestamentaria, foi obxecto de antigas tradicións, segundo as que morreu en Éfeso ou Xerusalén. Como obxecto de culto e veneración ocupou progresivamente un lugar singular na fe e na piedade cristiás, moi influínte no desenvolvemento do dogma católico. A elaboración da doutrina e da piedade marianas fixo aparecer diverxencias notables entre Oriente e Occidente: mentres as igrexas ortodoxas desenvolveron unha especie de omnipresencia de María, Nai de Deus (Theotokos), na liturxia, na himnografía e na iconografía, a Igrexa Latina seguiu un desenvolvemento doutrinal que desembocou nunha marioloxía. Desde a Reforma, a persoa de María e o papel que se lle atribúe na obra de salvación suscitaron numerosos problemas. Para comprender o seu papel a tradición instituíu paralelismos tipolóxicos, sobre todo o de Eva-María e o de María-Igrexa. Se a fe se comprendeu mellor a través de Eva e da Igrexa, que María como nai de Xesús Cristo e dos homes, é porque descubriu as relacións bíblicas que permiten establecer a relación de María e da Igrexa como a Nova Eva. A Igrexa Católica sempre rendeu a María un culto especial (hiperdulía) superior ao tributado aos santos, e atribuíulle un papel activo no misterio da fe, a causa da súa cooperación na obra redentora de Xesús Cristo. O enraizamento do culto mariano exprésase nas innumerables igrexas que, tralo Concilio de Éfeso (431), foron dedicadas a María, tanto en Oriente como en Occidente. Coa construción de igrexas en favor de María introduciuse tamén o culto ás súas imaxes, que forman un capítulo importante da temática cristiá da arte universal. En Bizancio os temas primitivos, dos que son expoñentes innumerables iconas, son a Virxe en maxestade (a Kyriótissa), a Virxe da intercesión e o tipo maternal da tenrura (a Virxe a bicar a man do neno). En Occidente, despois da Virxe Nai e de María en actitude de oración, temas predominantes nas catacumbas son o de María en maxestade, rodeada de anxos, e o de María intercesora. A estes, presentes tamén na Idade Media, uníronse paulatinamente os da Crucifixión e o da Piedade (Mater Dolorosa). Desde o Renacemento multiplicáronse as representacións dos diversos episodios da vida de María (a Anunciación, a Visitación, o nacemento de Xesús Cristo, a presentación no templo, a fuxida a Exipto) e, a partir do s XVII, os de temas dogmáticos (a Inmaculada, a Asunción, a Coroación) e outros secundarios (como a Virxe do Rosario). A sensibilidade plástica, desde as madonas do Renacemento italiano ata as inmaculadas do Século de Ouro español, manifesta uns caracteres que parecen expresar sobre todo a devota interpretación dos artistas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Palestina