miniatura

miniatura

(< ital miniatura ‘deseño elaborado con minio’)

  1. s f

    Obxecto ou cousa que presenta un tamaño moi reducido.

  2. s f [ARTE]
    1. Pintura de tamaño moi pequeno. Orixinariamente, o termo facía alusión ás iluminacións que, realizadas con minio, se empregaban para realzar as letras maiúsculas nos códices; desde o s XVII vinculouse coa palabra ‘diminuto’, relacionado con todo tipo de iluminación de manuscritos, e posteriormente identificouse coa pintura de pequeno tamaño, especialmente co retrato destinado a medallóns e cos debuxos de obxectos. Estilisticamente está desvinculada da miniatura propia dos manuscritos e presenta, pola contra, estreitas relacións coa pintura. Moitos pintores realizaron miniaturas, entre os máis detacados están os británicos I. Oliver, S. Cooper e R. Cosway (s XVIII), o francés J. Petitot, o italiano R. Carriera e F. de Liaño e F. A. Meléndez na Península Ibérica. A súa decadencia comenzou coa aparición da fotografía (s XIX).

    2. Pintura de figuras pequenas ou ornamentos feita sobre pergamiño ou papiro empregada na ilustración de importantes obras relixiosas ou profanas. Está técnica desenvolveuse en Bizancio, no Occidente cristián, na India budista e na Persia islámica. Un dos primeiros exemplos que se conserva data de 1900 a C: o Libro dos Mortos. A Ilíada pita (s V) é un dos manuscritos gregos máis antigos, con traballos que seguían a tradición romana. A pintura bizantina tivo un período de produción brillante entre os ss X e XIII, entre os seus códices destaca a Xénese de Viena (s VI). En Irlanda do Norte e Inglaterra as miniaturas foron importantes, nelas as tradicións célticas dominaron sobre as achegas clásicas mediterráneas e deixaron pezas como o Libro de Durrow (s VII) ou o Libro de Kells (s VIII). Na Europa de culto latino foron escasas durante a Alta Idade Media; as dúas pezas máis importantes da época foron o Salterio Ashburnham e a Biblia Amiatina. Aproximadamente por estas datas, apareceron os primeiros documentos da miniatura hiberno-saxoa, caracterizada pola estilización e o hábil traballo de entrelazados, que exerceu unha notable influencia sobre o renacemento carolinxio, momento en que a miniatura acadou un nivel elevado. Obras destes mestres foron a Biblia de Carlos II e o Salterio de Utrech. Na segunda metade do s X, formáronse escolas locais en numerosos escritorios, cunha produción menos destacada que a carolinxia. Por outra banda, aqueles tiveron unha prolongación na miniatura odoniana, que floreceu en Renania e Westfalia e foi o antecedente inmediato da románica, que se impoñería en todos os países de cultura latina. Pero anterior ao período románico foi a miniatura española, tamén denominada mozárabe, con forte orixinalidade e da que se conservan importantes exemplares como os manuscritos que ilustran o Comentario á Apocalipse do Beatus. Desde o gótico, a miniatura acadou un desenvolvemento importante, especialmente na iconografía profana a partir do s XV, froito do patrocinio de grandes mecenas particulares e do desenvolvemenento do humanismo. En España destacaron as Cantigas de Santa María (s XIII) atribuídas ao Rei Afonso X, o Misal de Santa Eulalia, exemplo do gótico internacional (s XV) e o Libro de Horas de Isabel la Católica. As primeiras miniaturas galegas documéntanse a partir do s XII aínda que puideron realizarse con anterioridade nos diversos mosteiros. Do s XII consérvase o denominado Tombo A da catedral de Santiago de Compostela, en que os diversos documentos recollidos van acompañados de miniaturas dos outorgantes, e o Liber Sancti Iacobi ou Códice Calixtino, do que destacan as escenas da vida de Carlomagno. Do s XIII destacan as imaxes dos monarcas do Tombo A, a copia da Historia Compostelana e os manuscritos dos escritorios dos mosteiros de Toxos Outos e Celanova. No s XIV realizouse no escritorio da catedral de Santiago de Compostela o denominado Tombo B e tres copias do Códice Calixtino, conservadas fóra de Galicia. Xa do s XV consérvase o Breviario do cóengo Miranda. Desde o s XVIII a miniaura entrou en declive ata desaparecer, case por completo, a partir de 1850, prexudicada especialmente desde a aparición da fotografía.