motocicleta
(< moto- + [bi]cicleta)
ehículo automóbil de dúas rodas, provisto dun motor de combustión interna de dous tempos ou de catro, case sempre refrixerado mediante aire, que pode transportar un ou dous pasaxeiros. A motocicleta é o resultado do acoplamento dun motor de explosión e unha bicicleta, da que conserva os elementos esenciais. O motor, con aletas e sen ventilación forzada, adoita ir montado no medio do cadro, e acciona a roda traseira a través dunha transmisión que comporta embrague, caixa de cambios e cadea e prato de roda ou ben eixe con xunta universal e piñón e coroa. As cilindradas varían desde os 50 cm3 ata 1.200 ou 1.500 cm3. A suspensión comporta xeralmente un amortecedor dianteiro telescópico e un amortecedor posterior oscilante, unida ao cadro por medio dun sistema de resortes e de amortecedores. O cadro de tubos ou ben de prancha de aceiro, é ríxido para soportar o peso do conxunto mecánico, o condutor e o pasaxeiro, e resistir as sacudidas das suspensións. O guiador leva os mandos principais (freo dianteiro, embrague, acelerador, control das luces e de arranque), mentres que cos pés o condutor acciona o freo posterior, o cambio de marchas e o pedal da posta en marcha do motor. Os ciclomotores, que conservan os pedais da bicleta, son aptos para transportar unha soa persoa á velocidade duns 50 km/h. O motor é duns 50 cm3 de cilindrada, case sempre de dous tempos, e impulsa a roda posterior. A suspensión dianteira, canda hai, é telescópica, e en xeral, na parte posterior o brazo oscilante de suspensión e de soporte de roda fai de cárter único do motor e da transmisión. Nas motocicletas hai pedais e arráncase o motor mediante o pedal de arranque ou cun motor de arranque eléctrico. O motor, de dou tempos ou de catro, pode ser monocilíndrico, bicilíndrico (en V lonxitudinal, en V transversal, paralelo ou oposto), tricilíndrico (en paralelo transversal), cuadricilíndrico (de través, dous a dous opostos, en cadrado ou ao longo), sexcilíndrico (de través), de 8 cilindros en V, ou de pistón rotativo (motor Wankel). A adxunción do sidecar, cun asento e unha terceira roda, transforman a motocicleta en triciclo, capaz de transportar tres persoas. Nas scooters o motor vai completamente protexido dentro do chasis, aberto, constitúe o asento, e ten unha base para pousar os pés. Tense noticia da montaxe en Francia dun motor de vapor sobre un velocípede (1868). En 1885 Daimler montou un motor de explosión, con transmisión mediante correa, sobre unha bicicleta de rodas de madeira. En 1912 aparecen as primeiras suspensións dianteiras, amortecedores pendulares, semibéstas e, máis tarde, paralelogramos deformables, resortes en diagonal e amortecedores de frición. Despois da Segunda Guerra Mundial xeneralizáronse as suspensións traseiras, foron adoptados os amortecedores dianteiros telescópicos, desenvolvéronse os ciclomotores e apareceron as scooters, que xurdiron en Italia. OBS: Tamén se denomina moto.