Macedonia
Rexión da Península Balcánica, situada entre Albania e Bulgaria, compartida por Grecia e a República de Macedonia (59.890 km2; 2.033.964 h [1991]). Esténdese desde as montañas do S de Serbia ata o Mar Exeo. Comprende a conca do Vardar e as vertentes meridionais do Rodope ata Tracia. Os centros máis importantes son Salónica, capital da Macedonia grega, na costa, e Skopje, no interior, capital da República de Macedonia. A maior parte dos historiadores gregos clásicos consideraron aos macedonios estranxeiros ata finais do s IV a C, cando Macedonia se converteu na principal potencia de Grecia. A fin da súa independencia chegou coa Batalla de Pidna (168 a C), onde foi derrotada polos romanos e dividida en catro confederacións, teoricamente independentes. Posteriormente Diocleciano dividiuna en dúas provincias. Ocupada sucesivamante polos visigodos, hunos, ostrogodos, ávaros e eslavos, a partir do s VII formou parte do Primeiro Imperio Búlgaro (608-1018). Integrada no Imperio Bizantino (1018-1187), posteriormente formou parte do Segundo Imperio Búlgaro (1187-1256), e foi conquistada polos serbios e sometida polos turcos (1371) que a conservaron ata comezos do s XIX. Incorporada ao novo estado búlgaro polo Tratado de San Stefano, o Congreso de Berlín (1878) restableceu a dominación turca e truncou as aspiracións dos clérigos do exarcado de Bulgaria que desexaban estender a súa xurisdición polo NO de Macedonia e fomentaron a creación de grupos de combatentes como o ORIM (Organización Revolucionaria Interna de Macedonia). A loita do ORIM enfrontouse coas pretensións serbias e a represión turca, que se intensificou a partir de 1909. O deterioro da situación levou ás Guerras Balcánicas (1912-1913) que culminaron coa partición de Macedonia polo Tratado de Bucarest (1913). Foi escenario de operacións militares durante a Primeira Guerra Mundial, e despois do conflito, Bulgaria experimentou unha redución do seu territorio, o que motivou o seu aliñamento coas potencias do Eixe en 1941 e, coa axuda de Alemaña, apoderouse das rexións macedónicas dominadas por Grecia e Iugoslavia. Polos tratados de paz de 1945, foi dividida de novo entre Bulgaria, Grecia e Iugoslavia. O carácter federal do estado socialista iugoslavo permitiu que se constituíuse nunha das seis repúblicas federais e se recoñeceran os seus dereitos nacionais, mentres que Bulgaria e Grecia aplicaron unha dura política centralista. A partir de 1968, a disputa ao redor da Macedonia, na que a URSS apoiaba as aspiracións búlgaras, obstaculizou as relacións entre Iugoslavia, Grecia e Bulgaria. A disolución de Iugoslavia en 1991 permitiu a proclamación da independencia da República Federal de Macedonia.