Machado Ruiz, Antonio
Poeta. Amigo íntimo de Rubén Darío, pertenceu á Xeración do 98. A súa obra constitúe a versión lírica dos temas, da actitude espiritual e da consciencia dos homes que formaron a súa xeración. Estudiou na Institución Libre de Enseñanza, doutorouse en Letras en Madrid e foi catedrático de instituto de Francés. Republicano, exiliouse en xaneiro de 1939. Recibiu a influencia do modernismo hispanoamericano e adscribiuse a unha poesía falta de retórica, e de concepción máis intituitiva ca intelectual. Sistematizou a súa teoría poética cos seus alter ego Juan de Mairena, Abel Martín e outros personaxes apócrifos, identificados con poetas, preceptistas e filósofos. O seu espírito sobrio e austero axiña se identificou coa natureza castelá. Da súa produción destacan Soledades (1903), poemas de carácter modernista, nos que sobresae a emoción do momento e o sentido oculto do que lle rodea, e Campos de Castilla (1912), onde a consideración poética da paisaxe castelá e a emoción do amor perdido son as liñas temáticas. Outros poemarios foron Nuevas Canciones (1925) e Poesías completas (1928). Nas décadas de 1920 e 1930 escribiu teatro co seu irmán, Manuel Machado, do que sobresae La Lola se va a los puertos (1929). En prosa destaca Juan de Mairena. Sentencias, donaires, apuntes y recuerdos de un profesor apócrifo (1936). Foi membro da Real Academia Española (1927).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Sevilla -
Deceso
Lugar : Colliure, Francia