macroeconomía
(< macro- + economía)
Análise das relacións entre as grandes magnitudes económicas agregadas como a renda e o consumo nacional, o investimento ou o aforro, e a súa evolución e taxas de variación. Preocúpase tamén do papel do estado na actividade económica global e en xeral da política económica duns momentos e lugares concretos. O tratamento macroeconómico apareceu como reacción da metodoloxía neoclásica a partir das investigacións de Keynes e Kalecki sobre o nivel global da actividade económica. Representou unha alternativa ao colapso da economía de mercado da década de 1930 e á crise que sufría a teoría de tendencia natural. Segundo os keynesianos, a macroeconomía definiu e estableceu as condicións necesarias para que o sistema económico permanecera en equilibrio, estático ou dinámico. A división entre macroeconomía e microeconomía limítase nos obxectos de estudio, que simplemente se complementan, e non permiten que a teoría económica chegue a unha análise global e articulada da realidade social.