Madagascar

Madagascar

Estado insular de África, no Océano Índico, situado fronte á costa suroriental africana, da que o separa o canal de Moçambique (587.041 km2; 16.437.000 h [estim 2001]). A capital é Tananarive.
Xeografía física
O relevo está formado por un altiplano de rochas erosionadas que ocupa a rexión interior. Cara ao L descende bruscamente formando unha pequena chaira costeira, mentres que o descenso é máis suave cara ao O. O clima é tropical, con temperaturas elevadas nas zonas baixas e variables no interior, a causa da altitude. As precipitacións son abundantes. Os ríos son numerosos e con gran caudal, e destacan o Betsiboka e o Mangoky. Un 85% das especies da flora e fauna son endémicas. A rexión oriental caracterízase pola selva pluvial sempre verde e rica en epífitos. Na rexión occidental predominan as sabanas con árbores que perden a forraxe durante a época seca e con vexetais paquicaules e espinosos. Na parte meridional, a vexetación xerófila transfórmase nun espinar semidesértico. Nas altas montañas, a selva nebulosa, moi húmida, cede o paso a un bosque ericáceo de afinidade afroalpina.
Xeografía económica

Economía e sectores de actividade
A característica esencial da agricultura, base económica do estado, é a diversidade de cultivos: o arroz, a mandioca e a cana de azucre son os principais, pero tamén destacan os cacahuetes, as patacas, as hortalizas e os feixóns. Á beira do Océano Índico sobresaen as plantacións de café e especias, como a vainilla e a pementa negra. Destacan tamén a explotación forestal e a produción de froita. Con respeto a gandería, destaca o gando bovino seguido das aves de curral e do porcino, que proporcionan leite, ovos e peles para coiro. A actividade pesqueira redúcese ao ámbito local e céntrase nos crustáceos. Madagascar é rica en grafito, carbón, pedras preciosas e petróleo. Non é un país industrial aínda que se atopan industrias alimentarias, de cemento, de aceites vexetais, de torrefacción de café, de tabaco, téxtiles e refinerías de petróleo. O sector terciario está pouco desenvolvido e o turismo é pouco importante.
Comercio exterior
O total das exportacións é inferior ao das importacións. Exporta café, vainilla, aceites, azucre, tabaco e grafito, e importa produtos químicos e metálicos,vehículos, petróleo e minerais.
Transportes e comunicacións
As comunicacións son deficitarias por causa do terreo montañoso. Conta con 49.837 km de estradas, dos que 5.781 están asfaltados (1996). Os portos principais son Toamasina, Mahajanga e Antsiranana, e conta cun aeroporto internacional, Tananarive. Os ríos occidentais son navegables pero non son explotados na súa totalidade.
Xeografía humana
O incremento natural da poboación é dun 30,2‰ (2000), que se ve compensado coa taxa de mortalidade infantil, 88‰ (2000). A mortalidade é dun 13‰ (2000). É un país pouco poboado, cunha densidade dun 28h/km2(2001). A poboación concéntrase na parte oriental, mentres que a occidental está escasamente poboada.
Sociedade e goberno


Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos merinos, que representa un 26% da poboación. Outros grupos importantes son os betsimisaraka (15%), os betsileos (12%), os tsimihety (7%), os sakalava (6%), os antaisaka (5%), os malgaxes (5%), os antandroy (5%), os comorianos (0,3%), os franceses (0,2%) e os chineses (0,1%). As linguas oficiais son o francés e o malgaxe. O 52% da poboación é animista ou de crenzas tradicionais, o 21,3% é católica, o 19,7% é protestante e o 7% é musulmana.   A porcentaxe de alfabetización de adultos é baixa, cun 66,5% en 2000 aínda que subiu ata un 80,8% en 2001. Desde 1976 existen seis anos de escola obrigatoria. Case todos os nenos entre os seis e dez anos acudían á escola primaria e arredor do 15,7% dos nenos entre os 11 e 17 anos proseguían os estudios de secundaria en 2001.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano baixo (135º posto cun índice do 0,462). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 52 anos para os homes e de 57 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 66,5% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 44%; e o PNB por habitante é de 250 $ EE UU.
Goberno e política

Antiga colonia francesa, é república independente desde o 26 de xuño de 1960. Segundo a Constitución aprobada en 1992 o poder executivo reside no presidente da república, elixido para un período de cinco anos, que designa o primeiro ministro. O poder lexislativo reside nun parlamento bicameral integrado pola Antenimieram-Pirenena ou Assemblée Nationale, formada por 160 membros elixidos para un período de catro anos, e o Sénat, composto por 90 membros, 60 elixidos para un período de seis anos, 10 por cada unha das provincias e 30 membros designados. O poder xudicial está presidido pola Cour Supreme e conta tamén coa Haute Cour Constitutionnelle. O sistema legal baséase nas leis civís francesas e nas normas tradicionais malgaxes. Permanece en vigor a pena de morte. As principais forzas políticas son: os reformistas Tiako I Madagasikara (Eu amo Madagascar, TIM); os nacionalistas Firaisankinam-Pirenena (Unión Nacional, FP); os socialistas Andry sy Riana Enti-Manavotra an’i Madagasikara (Piar e Estrutura para a Salvación de Madagascar, AREMA); e os social-democrátas Rénaissance du Parti Social-Démocratique (RPSD). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e é membro asociado da UE.
Historia

As orixes do poboamento e a unificación territorial
Poboada por indonesios e africanos, a chegada de mercadores árabes cara ao s XII provocou a islamización das capas altas da poboación e o establecemento de relacións con África, Persia, India e China. No s XVI formáronse diversos estados independentes sometidos á autoridade nominal dun rei, ao tempo que se produciron as primeiras visitas dos europeos, que non se estableceron de forma permanente. A finais do s XVIII o Rei Nampoina, de etnia merina, iniciou o proceso de unificación dos reinos da illa e reestruturou a economía, baseada na agricultura e no comercio de escravos. O seu fillo Radama I (1810-1828) iniciou unha modernización do reino e completou a reunificación, pero os conflitos sucesorios trala súa morte debilitaron o país.
Do período colonial francés á independencia
En 1890 Francia cedeulle a Reino Unido a súa influencia en Zanzíbar a cambio de Madagascar, e acto seguido ocupou a illa, que se converteu nunha colonia. En 1947 produciuse unha revolta nacionalista, duramente reprimida, e en 1956 P. Tsiranana converteuse en xefe dun goberno autónomo e profrancés. En 1960 acadou a independencia aínda que seguiu estreitamente ligada a Francia. O presidente Tsirana ocupou a presidencia ata que foi derrocado por un golpe de estado en 1972. En 1975 o Consello Revolucionario Supremo encabezado por Didier Ratsiraka instaurou unha constitución socialista revolucionaria. D. Ratsiraka gañou as sucesivas eleccións presidenciais e enfrontouse con frecuentes altercados causados pola deteriorada situación económica e as demandas da oposición para o establecemento dun sistema plenamente democrático. En 1989 aceptou a implantación dun sistema multipartidista e ao ano seguinte accedeu á formación do Consello para a Transición á Terceira República, en que tamén estaba representado o Comité des Forces Vives (CFV), principal grupo da oposición.
A volta á democracia
En 1993 obtivo a presidencia Albert Zafy, candidato do CFV, pero viu obstaculizado o seu goberno polo primeiro ministro François Ravony e polo presidente da Asemblea Nacional, Richard Andriamanjato, o que frustrou a aplicación dos acordos asinados entre o FMI e o presidente. En 1996 o Parlamento aprobou a destitución de Zafy e nomeou presidente a N. L. Ratsirahonana, de etnia merina, que intentou reabrir as negociacións co FMI para a cesión de novos créditos. Nas novas eleccións presidenciais D. Ratsiraka acadou a vitoria. En marzo de 1998 aprobouse por referendo unha nova Constitución, boicoteada polo CFV, que incrementou os poderes do presidente e a autonomía económica das seis provincias do país. Nas eleccións lexislativas de maio, Tantely Andranarivo, de AREMA, converteuse en primeiro ministro. O empeoramento da situación social manifestouse no descontento popular ao mesmo tempo que medraba a popularidade de Marc Ravalomanana, alcalde de Tananarive.
A chegada á presidencia de Ravalomanana
Nas eleccións presidenciais de decembro de 2001, Ratsiraka negouse a recoñecer o triunfo de Ravalomanana, autoproclamouse vencedor e instalouse na cidade portuaria de Tamatave, desde onde asediou e sabotou a capital. O recoñecemento polo Alto Tribunal Internacional da vitoria de Ravalomanana en abril de 2002 e o seu recoñecemento pola comunidade internacional en xullo dese ano forzou a saída do país de Ratsiraka.