Madaleniano
Último período do Paleolítico Superior. O nome deriva do xacemento francés de La Madeleine. Desenvolveuse durante un período climático frío, correspondente á derradeira glaciación (Plistoceno), entre 17000 e 9500 a C. Unha das características técnicas do período é a abundancia de ósos e cornos para fabricar instrumental, entre os que destacan os arpóns. A arte foi moi importante e sobresaen as pinturas rupestres nas covas (Altamira), que representan o período de plenitude da pintura paleolítica. En Galicia existen relacións coa área cántabra e os xacementos máis ricos atopáronse nas chairas de Abadín, Vilalba ou Xermade. Neste último lugar, no xacemento do Abrigo da Pena Grande de Férvedes, encontrouse un colgante lítico da época con decoración lineal.