Madrid
Capital de España e da comunidade autónoma homónima (2.938.723 h [2001]).
Xeografía
Está situada nun amplo altiplano árido, no centro da Comunidad Autónoma de Madrid, na zona de contacto dos aluvións cuaternarios procedentes das vertentes meridionais da serra de Guadarrama, nun amplo sector de areas, arxilas e margas, atravesado polo río Manzanares. Os movementos económicos e os condicionamentos de tipo político determinaron a estrutura urbana e o crecemento demográfico da capital. No censo de 1860 Madrid tiña 300.000 h e durante o período da Guerra Civil Española a poboación chegou ao millón. 35 anos despois chegou aos 3.000.000 de habitantes, cifra que se mantivo estable. A inmigración foi decisiva para o desenvolvemento e a ampla expansión do territorio municipal, que de 1947 a 1954 anexionou trece municipios veciños (Aravaca, Barajas, Canillas, Canillejas, Carabanchel Alto, Carabanchel Bajo, Chamartín, Fuencarral, Hortaleza, El Pardo, Vallecas, Vicálvaro e Villaverde), pasando de 66,2 km2 a 670 km2. Na década de 1970 o crecemento demográfico principal produciuse ao SO da aglomeración madrileña. Os distritos centrais experimentaron un descenso da poboación e un maior avellentamento. O núcleo antigo de Madrid esténdese desde o Manzanares, ao O, ata os Paseos, ao L, e desde a rúas de Segovia, Toledo e Atocha, ao S ata a praza da Glorieta de San Bernardo, ao N. A Puerta del Sol é o centro. A finais do s XIX xurdiron os barrios residenciais de Salamanca, Argüelles e Pozas, exemplo de planta en cuadrícula. Nestes mesmos anos (1882) propúxose un proxecto de cidade lineal co fin de pór remedio ao crecemento anárquico. Este proxecto só se materializou no NL (Ciudad Lineal). Nos últimos anos as clases acomodadas tenderon a instalarse preto da Ciudad Universitaria, no sentido da autoestrada da Coruña (Aravaca), segundo unha política de desconxestión do barrio antigo. O sector terciario ocupa a máis do 70% da poboación activa, seguido do sector industrial. Tanto as funcións administrativas como a actividade financeira concéntranse basicamente nas rúas Alcalá, La Castellana e Puerta del Sol. Destacan a industria dos transformados, a do papel e a das artes gráficas, seguidas da de material eléctrico, da alimentaria e da química-farmacéutica. Ten importancia como centro social, turístico e cultural (universidade e centros de investigación).
Historia
A zona foi habitada por unha poboación paleolítica. ; Atopáronse restos dun poboado celtibero, mais o núcleo non tivo importancia ata que foi ocupado polos árabes, que o fortificaron en tempos de Mu Palatino; Palatino;ḥ ammad I (852-886) e explotaron as correntes de auga subterráneas. Ramiro II ocupouna temporalemente en 93 e Afonso VI reconquistouna, repoboándoa con campesiños segovianos que gozaron dunha carta de reguengo. Representada nas Cortes a partir do s XV, foi unha das residencias dos reis de Castela. Ao comezo do s XVI, tiña uns 5.000 h e a súa economía era sobre todo agrícola e gandeira. Durante As Comunidades de Castela (1520-1521) apoiou os rebeldes. ; A pesar diso Carlos I favoreceuna notablemente e, en 1561, Filipe II escolleuna como capital dos territorios dependentes da Coroa española e estableceuse alí, aínda que perdeu a capitalidade en favor de Valladolid entre 1601 e 1606. A presenza da corte provocou unha forte expansión demográfica e urbanística, como a construción da Plaza Mayor durante o reinado de Filipe III (1598-1621). Durante a Guerra da Sucesión Española (1700-1714), declarouse partidaria de Filipe V, e foi ocupada polas tropas de Carlos de Austria (1706 e 1710). Na primeira etapa borbónica converteuse nun centro artístico de primeira orde, e xurdiu unha burguesía de profesións liberais, intelectuais e militares. Aumentou tamén o proletariado, que serviu de instrumento de acontecementos políticos, como o Motín de Esquilache (1766). Con Carlos III (1759-1788) acometéronse a maioría das obras monumentais que a caracterizan e creouse unha rede de estradas e transportes públicos que, de forma radial, partían cara ao resto do país. Madrid sublevouse contra as tropas napoleónicas o 2 de maio de 1808. A Guerra da Independencia (1808-1814) interrompeu o proceso expansivo que non se recuperou ata 1830. O centralismo político e administrativo, a instalación de ferrocarrís e o desenvolvemento das finanzas impulsaron o crecemento da capital cara a barrios residenciais. A Lei de Desamortización de Mendizábal (1837) provocou un cambio na fisonomía cidadá. O clero perdeu as súas propiedades en favor da alta burguesía, que demoleu os antigos conventos e mosteiros e edificou novas vivendas, abrindo rúas, prazas e mercados. En tempos da Primeira Guerra Mundial (1914-1918) iniciouse unha rápida industrialización, apareceron novas empresas e desenvolvéronse as industrias químico-farmaceúticas, metalúrxicas e electromecánicas. Durante a Guerra Civil Española (1936-1939) resistiu as tropas do xeneral Franco ata marzo de 1939, na Batalla de Madrid. Na época do Franquismo, continuou o seu crecemento demográfico, acelerado a partir da década de 1950, debido á inmigración. O 19 de abril de 1979 constituíuse a primeira corporación municipal democrática despois do Franquismo. Mediante unha coalición entre comunistas e socialistas, resultou elixido alcalde Enrique Tierno Galván, impulsor na década de 1980, do movemento artístico e cultural coñecido como La movida. Na mañá do 11 de marzo de 2004, tres días antes das eleccións xerais, produciuse na cidade un atentado con múltiples focos e con gravísimas consecuencias -case 200 mortos e uns 1.800 feridos- ao estoupar dez mochilas con explosivos en catro trens de proximidades. Os lugares afectados foron as estacións de Atocha, a do Pozo del Tío Raimundo e a de Santa Eugenia. As catro bombas que estouparon no cuarto tren fixérono á altura da rúa Téllez, que ía en dirección a Atocha. A súa autoría foi atribuída ao grupo terrorista islámico Al-Qaeda. De época medieval conserva a torre mudéxar de San Nicolás (s XII) e a de San Pedro el Viejo (s XIV). Do s XVI son o mosteiro de San Jerónimo el Real e o convento de Las Descalzas Reales, reformado por J. de Villanueva no s XVIII. Do s XVII consérvase o convento de La Encarnación, reformado no s XVIII, a igrexa do convento dos bieitos de San Plácido e a Plaza Mayor de J. Gómez de la Mora. No s XVIII, P. de Ribera fixo a igrexa da Virgen del Puerto e a ponte de Toledo, e colaborou na igrexa dos bieitos de Montserrat. F. Juvara e G. B. Sachetti realizaron o Palacio de Oriente ou Palacio Real e V. Rodríguez, a igrexa de San Marcos. A Biblioteca Nacional foi fundada por Filipe V (1712), instalada logo nun edificio (1866) de F. J. de Alarcón e inaugurada en 1892. Tamén se fundou o Museo Nacional del Prado (1785), por encarga de Carlos III ao arquitecto J. de Villanueva. No s XIX construíuse a Puerta de Toledo, o Palacio das Cortes, o Teatro Real e o Banco de España. No s XX destaca a Ciudad Universitaria (1927), obra dun equipo coordinado por M. López Otero, o Hipódromo de La Zarzuela de Carlos Amiches e Eduardo Torroja, a Casa de las Flores de S. Zuazo (1931) e os plans urbanísticos Zuazo-Jansen, o Viso (1933-1936) e a Colonia Residencia. Da posguerra destacan as obras de F. Sáenz de Oiza, as Torres Blancas (1962-1968), o Banco de Bilbao (1971-1979) e o Bankinter de Castellana. Da arquitectura de fin de século destacan os Recintos Feriales no Campo de las Naciones (1989-1991) e a conversión do antigo hospital de Sabatini en Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.