Magna Grecia

Magna Grecia

Conxunto de cidades gregas do S de Italia que recibirion este nome desde o s II a C. A súa fundación produciuse durante o gran movemento colonizador grego, entre os ss VIII e VII a C, e aproveitou a situación estratéxica da Península Itálica no Mediterráneo e tamén as súas posibilidades agrícolas. Os colonizadores máis activos foron os de Calcis, que fundaron Cumas e Reggio, e os aqueos do Peloponeso que se estableceron en Síbaris, Crotona, Metaponte; pero tamén participaron outros pobos, como os espartanos e os locrios. Entre as colonias, Tarento e Síbaris acadaron un notable esplendor durante os ss VII e VI a C. A partir do s V tiveron que afrontar diversos ataques dos pobos veciños e organizáronse na Liga Italiota. A partir do s III a C foron sometidos por Roma. As colonias gregas de Sicilia e do S de Italia foron un dos principais centros de irradiación da cultura grega, e xurdiron así o pitagorismo e outros sistemas filosóficos, como a escola eleata, representada por Parménides. Moitas das cidades contaban con edificios e templos dunha gran beleza, cun predominio xeral da orde dórica, sobre todo en Paestum, Selinunte e Agrigento.

Palabras veciñas

magmático -ca | magmatismo | MAGNA | Magna Grecia | magnalium | Magnan, Valentín | Magnani, Anna