magmatismo
(< magma)
Proceso de formación de rochas ígneas a partir dun magma ou material derretido a unha temperatura elevada. Tendo en conta que nos magmas hai que destacar a materia mineral ou fase sólida, o líquido magmático ou fase líquida, e os elementos volátiles ou fase gasosa, Paul Niggli estableceu tres etapas ou fases na cristalización dun magma. En primeiro lugar está a etapa ortomagmática, durante a que cristalizan os minerais de punto de fusión máis elevado, e producen a masa principal da rocha ígnea. Xa separados estes materiais, queda un líquido magmático rico en elementos volátiles, cunha temperatura relativamente alta e cunha tensión de vapor elevada, o que favorece a súa inxección en gretas; isto constitúe a etapa pegmatítico-pneumatolítica, durante a que cristalizan minerais dun punto de fusión baixo. Finalmente, cando o arrefriamento é xa moi avanzado, queda un líquido residual, que constitúe a etapa hidrotermal, que é unha solución que contén principalmente sílice. Así, o magma vai cambiando de composición durante a cristalización e faise cada vez máis ácido, rico en SiO2.