Maine
Estado de EE UU situado no extremo NL do país, limita ao N con Canadá, ao L co Océano Atlántico e ao SO co estado de New Hampshire (86.156 km2; 1.274.923 h [2000]). A capital é Augusta (18.560 h [2000]). Está situado sobre unha penechaira inclinada de NO a SL, cunha morfoloxía glaciar que deixou numerosos lagos como o Moosehead e o Chesuncook. A rede hidrográfica está marcada polos ríos Saint John, Penobscot e Kennebec. O clima é bastante fresco. A metade da poboación concéntrase nas cidades. A economía céntrase no cultivo de patacas e na gandería bovina. Ten industria papeleira, téxtil e alimentaria. A actividade pesqueira concéntrase en Portland. As súas costas foron exploradas por Champlain (1604-1605) e a compañía inglesa de Plymouth (1607) comezou a colonización. Anexado a Massachusetts (1658) converteuse no estado número vinte e tres da Unión (1820). Foi o primeiro estado en establecer a lei seca.