Malawi

Malawi

Estado do SL de África, que limita ao N e ao NL con Tanzania, ao L e S con Moçambique e ao O con Zambia (118.484 km2; 10.450.00 h [estim 2001]). A capital é Lilongwe.
Xeografía
É unha franxa estreita de terra cun gran número de montañas, como o Nyika (2.606 m) e o Sapitwa (3.002 m). O clima é tropical, con temperaturas elevadas e constantes e unha estación chuviosa de decembro a abril. Está regado por numerosos ríos, dos que destaca o Shire. A sabana cobre a maior parte do país. A agricultura é a actividade económica principal, con cultivos de tabaco, algodón, té, cana de azucre, cacahuetes e café. A base alimentaria da poboación é o arroz, o sorgo, as patacas, a mandioca, as hortalizas e a froita. A pesca e a gandería vacúa teñen bastante importancia. Posúe xacementos de bauxita, uranio e carbón. A industria céntrase na transformación de produtos do campo, na elaboración de azucre, ademais de fábricas de cemento, de produtos téxtiles e serradoiros de madeira. Conta cunha central térmica e dúas hidráulicas. O porto principal é Chipoka, preto do lago Niassa. Exporta principalmente té, tabaco, azucre e legumes e importa petróleo e vehículos. O 85,4% da súa poboación é rural.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o chewa (58%), seguido dos lomwe (18%), yao (13%) e ngoni (7%). As linguas oficiais son o inglés e o chewa. A relixión maioritaria é o protestantismo (20,5%) xunto cos musulmáns (20%) e os católicos (18%), seguidas de relixións animistas e crenzas tradicionais (10%) e dun 9,9% da poboación que practica outras relixións cristiás. En 1995 había 2.887.107 alumnos nas escolas primarias e 141.911 nas de educación secundaria e de formación profesional. A Universidade de Zomba contaba no curso 1998-1999 con 3.179 estudiantes.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Malawi entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 151º posto cun índice de 0,397). A esperanza de vida ao nacer é de 40 anos para os homes e 44 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 60,1% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 73% e o PNB por habitante é de 180 $ EE UU.
Goberno e política
Antigo protectorado británico, independizouse o 6 de xullo de 1964 aínda que se mantivo dentro da Commonwealth. A Constitución, promulgada nese ano, sufriu importantes emendas e foi reemprazada por outra nova o 16 de maio de 1994. Revisada de novo, o documento final foi promulgado o 18 de maio de 1995 e definiu o país como unha república presidencialista dotada dun sistema multipartidista. O poder executivo reside no presidente, que é o xefe do estado, elixido por sufraxio universal para un período de cinco anos. O poder lexislativo reside na National Assembly, composta por 193 membros, elixidos para un período de cinco anos por sufraxio universal. O sistema xudicial baséase na common law británica. Permanece en vigor a pena de morte e non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Entre os seus partidos políticos destacan o liberal United Democratic Front (UDF), o conservador Malawi Congress Party (MCP) e o centrista Alliance for Democracy (AFORD). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade para o Desenvolvemento de África do Sur (SADC), ONU, Organización da Unidade Africana (OUA) e membro asociado da UE.
Historia

Das orixes á colonización británica
Foi poboado por tribos bantús entre os ss V a C e IV a C, e en 1835 foi invadido por novas tribos que procedían de África do Sur. O goberno británico estableceu un protectorado sobre o territorio en 1890 co fin de limitar a penetración de alemáns e portugueses. Desde 1953 o goberno acadou unha autonomía progresiva vinculada á Federación de África Central. A resistencia africana iniciouse en 1959 dirixida por Hastings Banda, presidente do African National Council local. A feble situación dos colonos de orixe europea obrigou ao goberno británico a ceder fronte aos nacionalistas africanos, que venceron nas eleccións de 1961.
O réxime de Hastings Banda
A independencia foi outorgada en 1964 e H. Banda foi nomeado primeiro presidente da nova república de Malawi. Desde 1966 converteuse nunha república integrada na Commonwealth e adoptou unha nova constitución. En 1971 H. Banda fíxose nomear presidente vitalicio e a partir de 1977 o seu réxime de partido único iniciou unha liberalización limitada e mellorou as súas relacións cos países veciños, pero nas eleccións celebradas en 1983 só se permitiu a participación do MCP, o partido no goberno. A comezos da década de 1990 a democratización de moitos réximes africanos favoreceu as primeiras críticas abertas a Banda, que se viu na obriga de convocar un referendo en xuño de 1993 en que se aprobou a introdución dun sistema democrático.
Os gobernos de Bakili Muluzi
O 16 de maio de 1994 aprobouse unha nova constitución e celebráronse eleccións presidenciais que proclamaron presidente a Bakili Muluzi do UDF. A partir de 1995 a economía mellorou e o goberno continuou coa redución do gasto público que defendía o FMI, malia que continuaron os problemas produtivos provocados pola deforestación e a degradación dos solos. A seca que afectou á rexión desecou o Shire, principal río do país. As eleccións de xuño de 1999, cheas de irregularidades, déronlle a vitoria a Muluzi, pero a finais de febreiro de 2000, tivo que solicitar a renuncia de todo o seu gabinete pola presión dos países doadores de axuda. En 2001 o presidente tivo que declarar o estado de desastre nacional pola escaseza de alimentos, que provocou gran cantidade de mortes especialmente nas zonas rurais. Nas eleccións de 2004, Bingu wa Mutharika, aínda que non acadou a maioría, foi elixido presidente polo UDF, substituíndo a B. Muluzi.