Mali, Reino de
Mali, Reino de
Imperio musulmán fundado polos mandés entre Níxer e Senegal, que se estendeu entre os ss XIII-XVII. Cara a 1230, Sunjara estableceu as bases da súa organización económica -basicamente dependente da función intermediaria entre os depósitos de ouro de África central e os mercadores árabes e bérberes- e administrativa, asimilou o antigo Reino de Ghana e someteu os estados veciños a vasalaxe. Nos tempos de Gongo Mūsà coas anexións de Songhai (1325), Tombouctou (1336) e Gao, o seu territorio estendeuse e acadou o seu máximo esplendor. A partir do s XV acelerouse a súa decadencia e finalmente desapareceu a finais do s XVII.