Malpica de Bergantiños
Concello da comarca de Bergantiños, no O da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña, situado a 43° 19’ de latitude N e 8° 48’ de lonxitude O. Limita ao N co Océano Atlántico, ao L co concello de Carballo (Bergantiños), ao S co concello de Ponteceso (Bergantiños) e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 61,4 km2cunha poboación de 6.432 h (2007), distribuída nas parroquias de Barizo, Buño, Cambre, Cerqueda, Leiloio, Malpica de Bergantiños, Mens e Vilanova de Santiso. A capital do concello é Malpica, situada a 51 km da cidade da Coruña e a 64 km de Santiago de Compostela. Está á arquiarquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Carballo.
Xeografía física
É unha estreita franxa de terra cinguida ao mar. O relevo non ofrece unha gran variedade, xa que se trata dunha superficie chá cunha altitude media de 100 m lixeiramente ondulada. Xeoloxicamente, presenta unha alternancia de gneis e xistos. As maiores pendentes sitúanse no litoral. O concello está atravesado por dúas pequenas depresións tectónicas, a primeira discorre de Ponteceso a Malpica e a segunda de Malpica a Carballo. Na parte oriental do concello sitúase, en contacto con Carballo, o monte Neme, de 386 m de altitude, e na parte occidental, o monte Nariga, de 223 m de altitude. A costa é moi accidentada e recortada, aínda que nela se abren varias praias, como as de Riás, Seiruga, Beo ou Seaia, que posúen cintos de dunas fixadas pola vexetación. Pertencen a Malpica de Bergantiños as Illas Sisargas (Grande, Malante e Chica), constituídas por materiais graníticos fragmentados do continente. Climaticamente, o concello inclúese no dominio oceánico húmido. As temperaturas son suaves ao longo do ano. A media anual é de 13,2°C, onde o mes máis frío é xaneiro, con 7,5°C de media, e o máis quente é agosto, con 17,3°C. A oscilación térmica é de 9,8°C. As precipitacións son abundantes, 1.306 mm anuais, producidas pola penetración dos ventos húmidos oceánicos. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 36,1% do total anual, e un mínimo en verán, cunha media do 9,9% do global, período en que presenta déficit hídrico. A rede hidrográfica organízase arredor do río Vá e dos seus afluentes, entre eles o Camarada e o Chanca. O espazo forestal é relativamente denso e nel predominan os piñeiros e os eucaliptos. Conta co espazo natural das Illas Sisargas, área ornitolóxica de gran valor para a cría de determinadas especies e o paso de aves migratorias.
Xeografía humana
O concello presentaba a principios do s XX unha poboación de 5.577 h. Desde entón, distinguíronse dúas fases diferenciadas na evolución demográfica. Antes de 1970, en que a poboación non deixou de crecer, e despois desa data, en que o descenso foi continuado. Esta particularidade da dinámica da poboación enlaza coa propia evolución económica do concello, en especial coa da súa actividade máis importante, a pesca. Mentres o sector pesqueiro coñeceu etapas favorables a poboación aumentou, ao contrario do que aconteceu cando entrou nunha fase de recesión. As dinámicas xerais da evolución demográfica de Galicia non afectaron a Malpica máis que como potenciadores ou limitadores do crecemento ou descenso da poboación segundo as épocas. Deste modo, desde comezos do s XX ata a década de 1930 o aumento foi sostido, pero relativizado pola presencia da primeira corrente emigratoria cara aos países de América Latina. Tralo peche das fronteiras durante a Guerra Civil Española e na primeira posguerra experimentouse o maior crecemento demográfico, nunha fase onde tamén o movemento natural foi positivo. No censo de 1970 acadouse o máximo demográfico con 8.108 h. O desenvolvemento do sector pesqueiro retivo os residentes nestas décadas, mentres a maior parte dos concellos galegos vivían un forte éxodo rural. A crise da pesca transformou o proceso e en 25 anos a poboación descendeu ata 7.443 h. Nos primeiros anos do s XXI mantense o descenso da poboación e así en 2007 a poboación descendeu ata 6.432 h. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo e situouse no -91‰, a natalidade nun 4,9‰, mentres que a mortalidade acadou o 13,9 ‰. A poboación ata os 20 anos supón o 12,3% do total, mentres que os maiores de 65 anos representan o 27,1%; o grupo intermedio representa o 60,6%. A distribución por sexos é claramente favorable ás mulleres, que constitúen o 51,49% da poboación fronte ao 48,50% de homes. Existe certa concentración dos habitantes do concello no núcleo urbano de Malpica. Predomina a vivenda familiar e malia ser un concello litoral, non aparece como área turística con residencias secundarias.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Malpica de Bergantiño é do 48,7% (62,4% a masculina e 35,6% a feminina); a taxa de ocupació é do 44,5% (58,2% a masculina e 31,4% a feminina) e a taxa de paro é do 8,6% (6,7% a masculina e 11,7% a feminina). A distribución da poboación activa por subsecstores económicos reflicte a importancia do sector primario sobre o resto, ao ocupar o 27,6% dos traballadores. Dentro deste sector débese diferenciar o predominio da pesca, que emprega o 19,2%, sobre as actividades agropecuarias, o 8,4% restante. O secundario ocupa o 40% da poboación empregada, repartida de maneira equilibrada entre a industria e a construcción. O terciario, 32,5%, é o sector co menor número de empregos. Sobre a pesca xira a vida económica e malia a crise do sector, segue a ser un dos portos de baixura máis destacados de Galicia. A centralidade da pesca de baixura constátase directamente no número de empregos creados e no número de capturas. Segue un modelo organizativo baseado en pequenos barcos de pesca de propiedade patronal familiar. As capturas de sardiña, pescada e congro destínanse directamente ao consumo. A rápida expansión da flota pesqueira e o perigo dos temporais obrigaron a integrar melloras portuarias, como o sistema de protección mediante unha dársena con comportas. A especialización pesqueira do concello constátase en que gran parte da construcción e dos servicios están relacionados coa primeira. As actividades agropecuarias teñen tamén importancia. No concello existe unha considerable cabana gandeira e desenvólvese un modelo de agricultura a tempo parcial cunha racionalización de cultivos tradicionais como cebola e patacas. A actividade industrial céntrase na explotación dun recurso natural, o barro, que está capitalizado na área de Buño. Existen varios talleres que producen obxectos de barro con orixinais e tradicionais formas decorativas. Esta actividade revitalizouse nos últimos anos coa creación dunha escola-taller, unha cooperativa e as Mostras Oleiras de Buño. O sector terciario desenvolve un papel accesorio. A proximidade de Malpica con Carballo e A Coruña provocou que o concello estruturase os seus servicios e comercios con carácter local. As diversas infraestruturas sanitarias, educativas, financeiras e comerciais instaladas en Malpica e en Buño, atenden as necesidades básicas dos habitantes. A rede de comunicacións do concello articúlase en base a un sistema de vías locais, das que a principal é a que une Malpica coa vila de Carballo.
Historia
Os restos máis antigos son o dolmen da Pedra da Arca, coñecido tamén como Oratorio ou Obradoiro, situado na parroquia de Cerqueda; o gravado da Serpe, próximo ao cabo de San Adrián, composto por un relevo dunha serpe e unha cruz enriba, e que se relaciona coa Pedra da Serpe de Gondomil (Corme); e un tramo da vía Per Loca Marítima, do Itinerario Antonino. As primeiras noticias documentais refírense ao nomeamento dun xuíz ordinario no s XIII, por parte do arcebispado de Santiago de Compostela, que exercía señorío sobre o concello. Posteriormente, pertenceu a Sancho Sánchez de Ulloa, I conde de Monterrei. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias repartíronse nas xurisdicións de Malpica e Leiloio, baixo o señorío do arcebispado de Santiago de Compostela; e Mens, señorío do conde de Altamira. No primeiro tercio do s XIX existiron os concellos de Malpica e Buño, que pertencían ao partido xudicial de Sísamo. Trala división municipal de 1835 fusionáronse no de Malpica, no partido xudicial de Carballo.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos conservados destacan a igrexa parroquial de Santiago de Mens (s XIII), declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1979, que pertenceu a un antigo mosteiro documentado no testamento de Urraca, filla de Fernando Pérez de Traba, asinado en 1199; as torres de Mens (BIC, 1949), restos dunha antiga fortaleza propiedade da casa de Altamira; e os pazos San Tirso de Vilanova e de Vigo, en Vilanova; e Cerqueda e Taraio, en Cerqueda. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Na ermida de San Adrián, situada no cabo homónimo, celébrase o domingo seguinte ao 16 de xuño unha romaría en que se transporta a imaxe do santo desde a igrexa parroquial de San Xulián de Malpica de Bergantiños ata a ermida. O cuarto venres de agosto conmemórase a festa da Nosa Señora do Mar, en que destaca a procesión marítima ata as Illas Sisargas. En Barizo celébrase o domingo de Entroido o xogo das vacas, representación burlesca dunha sementeira. Durante o primeiro sábado de Coresma realízase, na parroquia de Buño, o enterro da Micaela, un boneco de grandes dimensións, que sinala a fin do Entroido.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Bergantiños |
| Extensión | 61 Km2 |
| Poboación Total | 6432 h |
| Poboación Homes | 312 h |
| Poboación Mulleres | 3312 h |
| Densidade de poboación | 105.44 h/Km2 |