Buño

Buño

Parroquia do concello de Malpica de Bergantiños baixo a advocación de santo Estevo. A boa calidade dos barros deste lugar permitiu o desenvolvemento dunha rica olería. Nesta actividade, que se remonta ao s XVI, empréganse dous tipos de barro, un de maior calidade plástica ou barro de corpo, e outro usado como desengraxante ou barro areoso. Durante o s XIX os oleiros constituíron unha alta porcentaxe da poboación de Buño, non obstante ao longo do s XX o seu número foi diminuíndo; na actualidade asístese a unha recuperación do oficio. No ano 1969 os oleiros de Buño crearon o seu gremio sindical. Os artesáns non levaban a cabo a comercialización dos seus produtos, para esta función existían os exportadores que percorrían as feiras e que recibían o nome de xalleiros, se procedían da comarca de Xallas, e arrieiros, se procedían de Buño; posteriormente, o artesán comezou a vender por si mesmo. As formas creadas son moi variadas; dende hai máis de dous séculos fabrícanse canos de auga, cazolas, cuncas, chocolateiras, fontes, pratos, pucheiros e tarteiras. Despois ampliouse a produción a barreñas, potas, queixeiros, xerros e xerras, viradeiras, etc. Entre as tipoloxías máis recentes salientan, entre outros, porróns, porróns de roda ou rosca, testos, sellas e sopeiras.

Datos de poboación (2007)

Concello Malpica de Bergantiños
Poboación Total 636 h
Poboación Homes 304 h
Poboación Mulleres 332 h