maniqueísmo

maniqueísmo

(< maniqueo)

  1. s m [HIST/RELIX]
    1. Doutrina fundada por Mani no s III, baseada na distinción dualista do universo entre o principio do ben, identificado co Pai eterno xudeu-cristián e co espiritual, e o do mal, identificado con Ahrimān ou Satanás e co material. Estableceu unha teoría da salvación en tres fases: a inicial, na que os dous principios permanecían separados; a do tempo medio ou presente, en que se atopaban; e a do tempo final, en que se volvían separar, de xeito que o mundo sairía das tebras e as almas poderían volver á súa orixe: o Paraíso. Como institución, posuía un canon de libros sacros, integrados por sete libros atribuídos a Mani e outros feitos en Turfan, Exipto e Alxeria. A doutrina estendeuse por Persia, India, Tibet, China, Turkestán, Italia, N de África e parte da Península Ibérica. A súa influencia quedou patente en diversas sectas medievais, como a dos paulicianos ou os cátaros.

    2. Secta dos maniqueos.

  2. s m

    Actitude derivada da convicción de que todas as cousas están divididas en dúas partes, unha completamente boa e aceptable, e outra mala e reprobable.

Palabras veciñas

manipular | manípulo | Manipur | maniqueísmo | maniqueísta | maniqueo -a | manir