manómetro

manómetro

(< mano- + -metro)

s m [METROL]

Instrumento que se utiliza para medir a presión dos fluídos, especialmente dos gases, contidos nun espazo pechado. Os máis primarios, cunha boa precisión, baséanse na igualdade de presións que hai nos diversos puntos dun mesmo plano horizontal dun fluído en equilibrio (manómetros de columna). Para medir presións moi altas pódense utilizar manómetros balanza, como os de Stückrath ou de Stanton. Outros manómetros, como o de Lissell, baséanse na variación da resistencia eléctrica dun condutor filiforme. Os manómetros técnicos renuncian a unha gran precisión. O máis utilizado é o de Bourdon, que se basea na modificación da forma dun tubo espiral metálico colocado de maneira que un dos seus extremos, fixo e aberto, está en contacto co fluído, e o movemento do outro extremo, móbil e pechado, indica a presión. Para medir a presión dos gases no interior dunha arma de fogo empréganse manómetros balísticos, para a presión dun fluído en movemento utilízanse os tubos de Pitot, e para medir presións por debaixo da atmosférica utilízase o vacuómetro.

Palabras veciñas

mañolo | manometría | manométrico -ca | manómetro | Mañón | Mañón | Manon Lescaut