Mantecón Rodríguez, Francisco
Pintor e deseñador gráfico. Estudiou na Escola Superior de Belles Arts Sant Jordi de Barcelona, onde perfeccionou o debuxo e contactou cos movementos de vangarda. A partir de 1968 participou nas exposicións ao aire libre, organizadas na praza da Princesa de Vigo. En 1980 instalouse en Vigo para exercer como profesor de debuxo e foi un dos fundadores do grupo Atlántica, co que interveu en numerosas exposicións. Tamén participou nas bienais da Deputación de Pontevedra mentres alternou con exposicións individuais en diferentes cidades españolas. Representou o informalismo expresionista galego e evolucionou cara a composicións máis racionais e frías. Na súa obra distínguese unha primeira época na década de 1960 que se caracterizou por unha abstracción expresionista. A finais da década seguinte abandonou o expresionismo e realizou unha concentración da expresión cunha esencialización das formas, onde chegou á máxima simplicidade, influído polo deseño gráfico. Fuxiu do accesorio en composicións racionais, frías e xeometrizadas, en que inscribiu grafismos minuciosos. Centrouse no deseño gráfico, campo en que realizou a imaxe corporativa de varias empresas galegas e institucións políticas e sindicais de Galicia, Alemaña e Suíza. Destacou tamén polos debuxos a lapis sobre papel e as acuarelas, en que plasmou a degradación progresiva das distintas tonalidades con trazos paralelos e metódicos. Realizou os cadros a base de lapis graso ao que engadía unha capa de emulsión acrílica. Nas súas obras pretendeu a alteración do sistema visual e realizou un espacialismo de exquisita execución, a base de xeometrías elementalizadas, en amplos rectángulos, sobre os que inscribiu os seus grafismos relacionables con correntes filosóficas orientais como Tao. A súa obra está presente en varios museos de Galicia, como o Centro Cultural Caixanova de Vigo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso