manteiga

manteiga

(< voz prerromana?)

  1. s f [ALIM]

    Produto graxo, sólido e homoxéneo, que se obtén ao bater e amasar, con ou sen modificación biolóxica, o leite ou a súa crema. Ten que ter un mínimo dun 80% de graxa e un máximo dun 16% de auga. A crema (ou nata) pode ser ácida ou doce. A batida, que ten lugar nas mantegueiras, permite romper os glóbulos de graxa da crema, que se solidifica formando dúas capas, unha sólida (graxa) e unha líquida (soro). Unha vez aglomerados os grumos de graxa, elimínase o soro e faise un lavado controlado con auga para que non perda aroma, a graxa maláxase para homoxenizala, e despois moldéase e acondiciónase. Tamén convén someter o leite ou a crema a un proceso de maduración por inoculación de cultivos de bacterias lácticas que forman diversos integrantes do aroma da manteiga. Engádense colorantes e antioxidantes, consérvase a baixa temperatura, envásase ou esterilízase. A manteiga é un alimento rico en calorías e vitamina A, e cunha certa cantidade de vitamina D.

  2. s f [ALIM]

    Substancia que se obtén ao callar o aceite que se saca da graxa animal, sobre todo da dos porcos.

  3. [ALIM]
    1. s f

      Nome que reciben distintas substancias alimentarias que teñen un aspecto e unhas propiedades que recordan á manteiga.

    2. manteiga de cacao

      Manteiga que se extrae das bagas do cacao que se emprega en alimentación e pastelería para facer chocolate e tamén na industria farmacéutica e cosmética.

    3. manteiga de coco

      Substancia que se obtén fervendo o coco. Sen purificar, constitúe a copra, que se enrancia facilmente. Refinada, é unha manteiga cun intervalo de fusión entre 23 e 28°C (aceite de coco), que se emprega na fabricación de margarina.

    4. manteiga de palma

      Graxa refinada da polpa da palma de aceite (Elaeis guineensis), que se emprega na fabricación de margarina.

  4. s f [QUÍM]

    Nome que recibían antigamente distintas substancias análogas, pola súa consistencia, á manteiga. Destacan a manteiga de antimonio (SbCl 3 ), a manteiga de estano (SnO hidratado) e a manteiga de zinc (ZnCl 2 ).