Manuzio
Manuzio
Familia italiana de humanistas, editores e impresores do s XVI. Iniciada por Aldo Manuzio, foi continuada primeiro polos Torresani (1515-1529) e logo por estes xunto ao fillo de Aldo, Paolo Manuzio (Venecia 1512-Roma 1574). Este separouse dos Torresani en 1540 e publicou edicións de autores clásicos, como a versión latina do Demóstenes (1554), unha colección de epístolas de estilo ciceroniano e unhas antigüidades romanas en catro volumes (1560). O seu irmán, Antonio Manuzio (?-1559), foi libreiro e impresor en Boloña (1556-1557). O fillo de Paolo, Aldo Manuzio , continuou coa imprenta, e publicou Epitome ortographiae (1575) e o seu comentario á Ars Poetica de Horacio.