Manzano Freire, Acisclo
Escultor. Coñecido como Acisclo Manzano, formouse como entallador na Escola de Formación Profesional Acelerada de Ourense e en 1958 ingresou na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. De regreso a Ourense relacionouse con Xaime Quessada e Xosé Luís de Dios e participou nas actividades do grupo O Volter. Durante as súas viaxes por Europa coñeceu a escultura clásica e a obra de A. Giacometti ou C. Brâncuşi. Iniciou, desde a década de 1960 a renovación da escultura galega, intentándoo desde posicións de vangarda, cunha simbiose entre o mundo mediterráneo e o atlántico. A vinculación co Mediterráneo provén da admiración pola Grecia clásica, a súa estancia en Eivissa e os materiais coma o barro; mentres que o seu atlantismo refírese ao seu sensualismo e un certo lirismo que acompaña as súas obras. Traballou nunha obra neofigurativa, que combinou figuración e abstracción, en esculturas onde a figura humana está sempre presente, de forma fragmentada (Torso de dama, 1973) ou na súa totalidade (Maternidade, 1940). Estas formas presentan incisións, raspadas ou buracos, que remiten a formas arqueolóxicas, que reinterpreta, desde composicións vinculadas á modernidade, e crea espacios e volumes no uso de despoxos humanos feitos en terracota (Letargo, 1966) -eco das súas propias raíces, como símbolo de raíz celta- e bronce (Torso-corazón, 1966). As obras creadas, adquiren deste xeito a forma de obxectos manipulados polas forzas da natureza e reflíctense en personaxes como troncos sometidos, que nos remiten a un substrato telúrico, e cargados dun forte expresionismo. Entre as obras que realizou para institucións públicas destacan os relevos do Centro Cultural de Caixa Galicia en Santiago de Compostela, a obra Gallaecia Fulget (1997), feita con motivo do V Centenario da universidade compostelá, e o Monumento a la República (2000) de Gijón, realizado con Xaime Quessada. Ao longo da súa ampla traxectoria artística realizou exposicións individuais en diversas cidades españolas e europeas e participou en numerosas mostras colectivas. A súa obra encóntrase en museos e coleccións galegas, españolas e hispanoamericanas. Recibiu, entre outros galardóns, a Medalla Nacional Julio Antonio (1968) e o Premio Nacional de Escultura (1962, 1968).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense