Maragatería, La

Maragatería, La

Comarca integrada na provincia de León, Castela e León. Limita ao N coa comarca de Omaña, ao L coa de El Páramo, ao S coa de Cabrera e ao O co Bierzo. Está formada polos municipios de Astorga, Brazuelo, Lucillo, Luyego, Magaz de Cepeda, Quintana del Castillo, Santa Colomba de Somoza, Santiago Millas, Val de San Lorenzo, Villamejil e Villaobispo de los Oteros, e conta cunha poboación de 18.793 h (2001). A cabeceira comarcal é Astorga.
Xeografía

Localízase na vertente oriental dos montes de León. A Sierra del Teleno é a principal elevación, con máis de 2.100 m de altitude, e pecha a comarca polo S. O relevo e a rede hidrográfica dispóñense en dirección ONO-LSL deixando La Maragatería cunha suave inclinación cara ao L e unha altitude media de 1.100 m. Presenta un relevo suave, destacando os tramos de vales que se encaixan nas fallas onde o substrato rochoso paleozoico deu lugar a pendentes abruptas. Litoloxicamente, o relevo está composto por rochas duras e antigas que afloran nas serras e por sedimentos do Terciario e Cuaternario que ocupan os fondos dos principais vales. O dominio climático é o mediterráneo continental con influencias oceánicas; os invernos son fríos e subhúmidos e os veráns secos e temperados. A temperatura media anual é de 10°C con frecuentes xeadas, e as precipitacións de 700 mm anuais. Ao N discorren os ríos Duerna e Turienzo, afluentes pola dereita do río Órbigo. A pobreza do solo e as características climáticas obrigaron á poboación a emigrar. A principios do s XX dirixíronse a América do Sur e despois ás grandes cidades como Madrid, Vigo e A Coruña. O núcleo máis importante é a capital. A agricultura e a gandería son as actividades creadoras de riqueza. Destaca a industria téxtil, a agroalimentaria e a artesanía. O turismo tamén ten importancia. A minería non metálica (graveiras e pedra natural) están cobrando importancia.
Historia
O primeiro asentamento na zona puido ter a súa orixe en pobos astures emigrados cara ao sur, que se dedicaron á minería. Esta riqueza do subsolo provocou o establecemento romano, baixo o que acadaron a súa época de esplendor coa fundación de Asturica Augusta. Sobre esta cidade xirou o crecemento do que sería a posterior comarca, xa que nela se cruzaban a vía Traxana e a vía da Prata. Co comezo das peregrinacións a Santiago de Compostela incrementouse a súa importancia, ao que se engadiría na Idade Moderna outro aproveitamento dos camiños coa dedicación ao oficio de arrieiros, en especial a partir do s XVI, de case o 75% dos maragatos. A súa presenza en Galicia produciuse por mor do control do comercio entre esta comunidade e Madrid. Transportaban cereais, aceites e viños, teas e mesmo as recadacións da periferia cara á capital e correo secreto. Este negocio afundiuse coa chegada do ferrocarril, polo que foron bastantes os que se asentaron en Galicia e abriron novos negocios relacionados co sector do transporte ou a industria, especialmente nas zonas de costa.