marco

marco

(< xerm Mark)

  1. s m

    Pedra chantada na terra que sinala os lindes entre propiedades, os límites dun territorio ou as distancias nunha vía de comunicación. Na tradición oral recóllense ditos como: “De marco a marco non hai arco”.

    Ex: Buscaron os marcos da toxeira antes de rozar. O coche avarióuselle preto do marco que sinalaba os quilómetros.

  2. s m [CONSTR/ARTE]
    1. Armadura fixa en que se encaixa unha porta ou ventá.

      Ex: Arrancaron a porta do seu marco.

      Sinónimos: cadro, marqueado.
    2. Armazón que rodea un cadro, espello ou obxecto similar, e que serve para reforzalo ou adornalo.

      Ex: Púxolles un marco moi bonito ás túas pinturas.

      Sinónimos: cadro.
  3. s m

    Espacio ou ambiente en que se desenvolve ou integra algo.

    Ex: A voda celebrouse nun marco incomparable. As accións dos políticos deben responder ó marco legal vixente.

  4. [NUMIS]
    1. s m

      Unidade ponderal, cun peso real variable segundo o lugar, que se estableceu na Idade Media para substituír a libra como base para a talla das moedas. Equivalía a media libra, 230 g aproximadamente.

    2. marco alemán

      Unidade monetaria do Imperio Alemán que se constituíu en 1871 como principal unidade (Mark). Dependeu do patrón ouro ata a Primeira Guerra Mundial e en 1924 foi substituído polo Reichsmark (RM), e en 1948 polo Deutsche Mark (DM) como principal unidade monetaria da República Federal de Alemaña cunha equivalencia igual a 0,222168 g de ouro fino. Dividíase en 100 pfennige e en 1973 incorporouse ao sistema de flotación concertada de diversas moedas europeas respecto do dólar de EE UU. O proceso de unificación monetaria europea provocou a súa desaparición o 31 de decembro de 2001. O tipo de cambio oficial co euro estableceuse en 1,95583 marcos alemáns.

    3. marco finlandés

      Unidade monetaria finlandesa (Fmk) que se dividía en 100 penniä. O proceso de unificación monetaria europea provocou a súa desaparición o 31 de decembro de 2001 e o tipo de cambio oficial co euro estableceuse en 5,94573 marcos finlandeses.

  5. lei do marco [ARTE]

    Principio artístico polo que, na escultura e a pintura, a estrutura do contorno se impón e englóbao todo desde o espazo que delimita, subordinando formas, canons, proporcións ou escenas.

Palabras veciñas

Marcio | Marción | marcionita | marco | Marco | MARCO | Marco Afrende