marea
(< marear)
-
s
f
[MAR]
Movemento cíclico alternativo de ascenso e descenso do nivel da auga do mar, que se debe á atracción gravitatoria do Sol e, principalmente, da Lúa. O ciclo completo consta de dúas subidas e dúas baixadas da auga, cunha duración media de 24 h 50 min, que coincide co tempo que transcorre entre dous pasos consecutivos da Lúa polo meridiano do lugar de observación. A fase durante a que ten lugar a subida da auga recibe o nome de marea crecente ou marea enchente, e a fase durante a que ten lugar a baixada denomínase marea minguante ou marea baixante. Cando a auga chega ao final do seu ascenso, é dicir, ao nivel máximo, denomínase fluxo, marea alta ou marea chea, mentres que cando chega ao nivel mínimo denomínase marea baixa ou marea libre. A diferencia entre estes dous valores extremos de nivel da auga denomínase amplitude da marea, e o seu valor depende de factores astronómicos e xeográficos. Por outra banda, nas fases do novilunio e de plenilunio, as dúas atraccións, a lunar e a solar, actúan segundo unha mesma dirección, polo que os efectos se suman e a marea que resulta ten unha grande amplitude, o que se denomina marea viva ou mareira. Pola contra, nas fases de cuarto crecente e de cuarto minguante, cando a Lúa e o Sol están en cuadratura, as dúas atraccións gravitatorias son perpendiculares e cando nun lugar se dá a marea alta respecto da Lúa, dáse ao mesmo tempo a marea baixa respecto ao Sol, e viceversa. Como consecuencia, a amplitude da marea diminúe considerablemente e denomínase marea morta, marea pobre ou marea crebada.
-
s
f
[PESCA]
Campaña ou actividade de pesca ou marisqueo, e o tempo que dura.
Ex: Bota no mar mareas de tres meses.
-
s
f
[PESCA]
Cantidade de peixe que se recolle nunha xornada de traballo no mar.
Ex: Pesaron a marea antes de poxala na lonxa.
-
marea atmosférica/barométrica
[METEOR]
ariación da presión atmosférica que se debe á acción do Sol e da Lúa. A marea atmosférica que se debe á atracción gravitatoria da Lúa é pouco importante. O Sol, sen embargo, orixina oscilacións de presión moi sensibles, porque a súa influencia gravitatoria únese aos efectos térmicos sobre a atmosfera.
-
marea magnética
[XEOG]
Pequena variación diaria da declinación magnética de ata 14 min no verán e 9 min no inverno.
-
marea negra
[MAR]
Capa errática de aceites pesados que cobre a superficie do mar ou de augas continentais a causa de vertedura de petróleo cru ou de gasóleo, xeralmente por accidente dun barco cargueiro, ou ben pola erupción de pozos petrolíferos mar a fóra. Ademais do perigo de incendio e dos prexuízos para os habitantes das zonas costeiras afectadas, existe o feito da alteración de todo o ecosistema mariño afectado, con consecuencias a curto e medio prazo. Os sistemas que se empregaron para eliminar as mareas negras son de diversa natureza: físicos, como a aspiración por matrices plásticas, coa posibilidade de recuperar tanto aceite como as matrices; químicos, especialmente coa aplicación de deterxentes tensioactivos que solubilizan as moléculas hidrófobas e as envían ao fondo, e biolóxicas, que consisten en aplicar cepas de microorganismos que degradan os compoñentes dos aceites pesados e que se reproducen rapidamente mentres queda aceite, e cando este se acaba, morren sen verse as augas afectadas. Desde principios da década de 1970, producíronse en Galicia diversas mareas negras por causa de afundimentos de barcos, como é o caso do Polykomander, que en 1970 derramou 15.000 toneladas de petróleo na ría de Vigo; do Erkowit, que derramou 286 toneladas de pesticidas en 1973 na ría de Ares; do Urkiola, que derramou 101.000 toneladas de petróleo na Coruña en 1976; do Andros Patria, que derramou 60.000 toneladas de petróleo en Fisterra en 1979; do Cason, na Costa da Morte, que soltou 1.100 toneladas de produtos químicos en 1987; do Mar Egeo, que derramou 80.000 toneladas de petróleo na Coruña en 1992; e do Prestige, en 2002, tamén fronte á Costa da Morte, e que aínda en anos posteriores seguía a perder toneladas de fuel. Non obstante , neste último caso a marea estendeuse a toda a costa galega, e parte do resto no N de España, chegando incluso ata as costas francesas. Isto tivo unha gran repercusión non só entre pescadores, senón tamén entre as mariscadoras, percebeiros e outras xentes de mar.
-
marea tóxica/vermella
[MICROB/ECOL]
Fenómeno que se produce en ambientes mariños costeiros e rías cando se eleva a concentración de dinoflaxelados, que provocan unha coloración vermella das augas superficiais. Estes organismos, que forman parte do plancto, desenvolven un tipo de toxina prexudicial para os consumidores, que é causado por unha serie de alteracións do medio, como poden ser o aumento de temperatura ou nutrientes, que provoca unha explosión demográfica. As mareas vermellas son importantes polos efectos tóxicos que poden ocasionar no caso de inxestión de moluscos lamelibranquios das zonas en que tivo lugar. O consumo de moluscos contaminados produce unha intoxicación que se caracteriza pola aparición de síntomas de parálise e problemas respiratorios. Estes moluscos contaminados non poden identificarse a simple vista, xa que o seu aspecto non varía; ademais, un só molusco pode conter toxina suficiente para ser letal nunha persoa, para o que non se ten tratamento nin antídoto. A cocción non destrúe a toxina, polo que o consumo de animais contaminados está prohibido. Dado que as mareas tóxicas son fenómenos imprevisibles, pero bastante comúns en Galicia, realízanse controis e análises para comprobar que os moluscos que se crían e comercializan nas costas galegas estean libres da toxina.