María
Antropónimo feminino que procede do nome persoal hebreo Maryam, adaptado ao grego como Mariám ou María e ao latín como Maria. No exipcio antigo existía o verbo mrj ‘amar’e mrj(t) ‘amada’. Das santas que levan este nome destacan: santa María, que se celebra o 15 de agosto; santa María Nai, o 1 de xaneiro; María Raíña, o 22 de agosto e María Goretti, o 6 de xullo. É patroa de Entrimo, onde se celebra o 16 de agosto, e de Vilalba, onde se celebra o 2 de setembro. Foi o nome da virxe nas súas diferentes advocacións e é titular de 791 parroquias. En Galicia é onde ten máis parroquias dedicadas; ten advocacións comúns a toda a Igrexa (Carme, O, Dores, Rosario, Soidade), outras comúns a toda España (Guadalupe, Guía, Miragres, Neves, Pilar, Remedios), pero as máis antigas son particulares de Galicia (Barca, Ermidas, Faro, Franqueira), ademais dalgunhas locais (A Roca en Baiona, Pastora en Cambados, Saínza na Limia, Os Ollos Grandes en Lugo, María Nai en Ourense e Oseira, A Peregrina en Pontevedra, O Portal en Ribadavia e Santiago de Compostela, Vilaselán en Ribadeo, O Corpiño en Vila de Cruces, O Cristal en Vilanova dos Infantes e Valdeflores en Viveiro). Na tradición bíblica, María ou Marián, irmá de Moisés (s XIII a C), foi a primeira muller bíblica en levar este nome. As tres Marías do Evanxeo son María, a nai de Xesús Cristo, María Salomé e María Madalena. É o nome máis común na tradición oral e presenta a variante Maruxa. Dos moitos hipocorísticos destacan Masiña, Marica, Chicha, Mari e Maruña. Con outros nomes dá lugar a novos hipocorísticos: Mariló (María Dolores), Marisé (María Xosé), Maribel (María Isabel), Marisa (María Luísa) e Marián (María Amparo/Anxos). A súa festividade celébrase o 15 de Agosto.