Mariña Central, comarca da
Comarca situada no N da provincia de Lugo e no NL de Galicia. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao S coas comarcas de Terra Chá (concellos de Abadín e A Pastoriza) e Meira (concello de Riotorto), ao L coa comarca da Mariña Oriental (concellos de Barreiros e Trabada) é o O coas comarcas da Mariña Occidental (concellos de Cervo, Viveiro e Ourol) e Terra Chá (concello de Muras). Abrangue unha extensión total de 509,4 km2cunha poboación de 30.975 h (2001), distribuída entre os concellos de Alfoz (77,8 km2; 2.382 h), Burela (8,3 km2; 8.161 h), Foz (100,3 km2; 9.488 h), Lourenzá (62,6 km2; 2.776 h), Mondoñedo (150,4 km2; 5.007 h) e O Valadouro (110 km2; 2.377 h). O espazo comarcal abarca a parte central da costa lucense, con tres cabeceiras que se disputan a primacía comarcal: Burela, Foz e, en menor medida, Mondoñedo. Das tres cabeceiras comarcais, Mondoñedo (43° 25’ N e 7° 20’ O) é partido xudicial, do que dependen, ademais, os concellos da Mariña Oriental e parte dos de Terra Chá.
Xeografía física
Está dividida, desde o punto de vista xeomorfolóxico, en tres unidades ben diferenciadas: en primeiro lugar a Rasa Cantábrica, en que converxen directamente algúns pequenos vales (val de Moucide e val do Centiño), por onde discorren ríos de escasa entidade; separando a zona litoral das depresións interiores existe un pequeno cordal de escasa altura (pico da Lebre, 360 m, no concello de Foz; O Castelo, 418 m, no concello de Burela). A segunda das unidades está no interior da comarca, nas tres depresións tectónicas modeladas pola acción fluvial: O Valadouro, o val de Mondoñedo e o val de Lourenzá. A primeira delas, regada polo río Ouro e os seus afluentes, é a de maior extensión. Labrada en substrato granítico, compórtase como un alvéolo baleirado pola acción das augas, pero no que tamén interveu a tectónica. O val de Mondoñedo, onde o Masma é o río de maior importancia, tamén presenta trazos semellantes ao Valadouro, de mestura entre tectónica e acción fluvial, pero o substrato en que está labrado se corresponde con mantos de lousa, xistos e bandas de calcaria. A súa anchura é moi escasa na parte máis meridional, pero vaise facendo cada vez máis ampla a medida que chega á vila de Mondoñedo, despois da que se volve estreitar para tomar contacto co val de Lourenzá. Este é máis ancho que o de Mondoñedo, e está regado polas augas dos ríos Baos e Batán, afluentes do Masma, e labrado en terreos de lousa e calcarios, o que lle dá ao val unha extrema planitude. Illando a estas planitudes da costa e separándose entre elas hai pequenas aliñacións montañosas de escasa altitude das que destacan os contrafortes da Toxiza, entre Mondoñedo e Alfoz, o pico da Frouxeira (429 m), o pico Cornería (437 m) e o alto de Virín (493 m). Finalmente, a terceira unidade correspóndese coa orla montañosa que separa a comarca do resto do territorio costeiro e da parte interior da provincia de Lugo, con cordais montañosos como as serras de Buio--Montes dos Cabaleiros, que separan a comarca da Mariña Occidental polo O, en que destaca o Pico Castelo (717 m) no Valadouro; a serra do Xistral, que é a de maior altura (1.037 m no Pico do Cadramón, no Valadouro) e que separa a comarca de Terra Chá e A Mariña Occidental; a serra da Toxiza, que separa a comarca da de Terra Chá e a serra da Cadeira (pena do Porco, 729 m, concello de Lourenzá). Todas estas aliñacións enmárcanse dentro das serras setentrionais galegas, moi modeladas pola acción fluvial, o periglaciarismo e a tectónica. O dominio climático pódese considerar oceánico húmido, afectado pola circulación do O, pero con características un tanto particulares: a súa situación setentrional e abrigada respecto aos ventos dominantes (ventos do SO) fai que as precipitacións sexan máis moderadas ca no litoral occidental galego (800-900 mm en Burela); ; malia todo, canto máis se penetra cara ao interior, estas increméntanse (1.100 mm en Mondoñedo) ata chegar a valores máximos na serra (1.600 mm). As precipitacións son fundamentalmente invernais, cun mínimo estival, aínda que non se pode falar de estación seca. As temperaturas medias anuais son agradables, ao redor dos 14°C na costa, 12,5°C no interior e 9-10°C nas áreas montañosas. No inverno, o mes máis frío é xaneiro, con 8-9°C na costa, 7,5°C no interior e 4-5°C na montaña, con abundancia de xeadas, moito menos frecuentes no interior e pouco relevantes na costa. O verán é moi suave, con medias de 18-19°C na costa, 20°C no interior e 15°C na montaña. A oscilación térmica anual é pouco significativa na costa (menos de 10°C), así como no interior (10-12°C), mentres que na montaña xa existe unha maior amplitude (12-14°C). A rede fluvial está composta por dous ríos principais, de dirección SO-NL que desembocan directamente no Cantábrico: o Ouro e o Masma. O río Ouro nace na serra do Xistal, no concello de Alfoz, discorre por terras chás a maior parte do seu percorrido (O Valadouro) e recibe afluentes de escasa entidade (Ferreira, Bao e Valdinferno), ata que penetra nos cordais costeiros e se encaixa de maneira considerable preto da súa desembocadura, na pequena ría de Fazouro (Foz). O Masma nace da unión dos ríos Tronceda e Cesuras, na parroquia mindoniense de Viloalle, que discorren pola serra da Toxiza con curso torrencial ata chegar ao val de Mondoñedo. A partir de alí, o xa conformado Masma, entra do mesmo xeito ca o Ouro en terras chás, ata que atravesa os cordais costeiros, onde se encaixa e recibe as augas do Baos, que rega o val de Lourenzá, e o río de Oirán, para, posteriormente, desembocar na ría de Foz, recibindo as augas do Centiño. Tamén destacan os ríos Moucide e Centiño, que desembocan directamente na costa e forman pequenos vales.
Xeografía humana
A poboación está asentada, maioritariamente, na franxa costeira (máis do 55% da poboación vive nos concellos de Foz e Burela), con densidades que superan os 100 h/km2e incluso os 500 nas vilas de Foz e Burela, mentres que os rebordos montañosos presentan unha moi escasa ocupación e os vales interiores están nunha situación intermedia (40-50 h/km2). Na evolución demográfica diferéncianse tres fases. A primeira vai desde principios do século pasado ata 1940, en que a poboación foi diminuíndo paulatinamente a causa da intensa emigración cara a América, paliada polas altas taxas de crecemento vexetativo que existían nesta época. Así, as cifras oscilaban entre os 29.749 h de 1887 e os 29.605 h de 1930. A partir da década de 1930, e trala saída da crise económica e da Guerra Civil Española, A Mariña Central acadou unha cifra de 31.075 h en 1940. Desde esta década comezou unha nova etapa de declive demográfico cun mínimo histórico en 1970 (28.238 h), debido principalmente á emigración, dirixida nesta etapa cara a Europa e as principais áreas industriais españolas (Madrid, Barcelona, Euskadi e, principalmente, Asturias). Foron os concellos do interior (Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro) os que máis sufriron as consecuencias desta emigración. Pero desde o mínimo de 1970 entrou nunha nova fase de crecemento en que a poboación superou os 30.000 h e acadou o máximo en 1991 (31.429 h). A principal causa desta tendencia foi a industrialización da costa luguesa (instalación de Alúmina-Aluminio) e o desenvolvemento endóxeno dos principais núcleos urbanos (Foz e Burela), apoiada pola pesca, a minería, a industria cerámica e metalúrxica, o comercio, o turismo e os servicios públicos (Hospital Comarcal). Fronte a este auxe dos concellos costeiros, os do interior continuaron a perder poboación, aínda que en menor medida, ata chegar a cifras moi inferiores ás de principios de século en 1991. Xa nos últimos anos, a comarca volveu coñecer un período regresivo (30.975 h en 1996) a causa do balance negativo entre nacementos e óbitos que, incluso chega a afectar aos concellos costeiros, aínda que Burela é o único concello da provincia con crecemento vexetativo positivo. Os núcleos urbanos máis importantes da comarca son Burela e Foz, que tiveron un crecemento demográfico moi forte e se consolidaron como cabeceiras de ámbito supracomarcal. O crecemento de Foz cifrouse en máis dun 350% entre principios do século pasado ata 1996, mentres que o de Burela aínda foi maior (do 1.000%). Este incremento demográfico veu acompañado dunha forte expansión do espazo edificado e do número de actividades secundarias e, sobre todo, terciarias. Pola súa parte, Mondoñedo ocupou un papel secundario, xa que coñeceu unha importante crise urbana, derivada da imposibilidade de competir coas cabeceiras costeiras dinámicas e expansivas. O resto de núcleos urbanos (Ferreira do Valadouro e Vilanova de Lourenzá) son pequenas capitais de concello que tiveron unha evolución tamén positiva durante o s XX. Os índices de avellentamento están medrando como consecuencia da intensa emigración que se produciu desde a Guerra Civil Española, e que sinalan un 21,1% de menores de 20 anos, por un 21,8% de maiores de 65; non obstante, o maior avellentamento prodúcese nos concellos do interior (Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro), mentres que nos costeiros (Foz e Burela) o número de xente nova aínda é considerable. A estrutura da poboación por sexos mostra un claro predominio das mulleres sobre os homes (51,7%). O crecemento vexetativo é de signo negativo (-8,78‰) a causa dunha moi baixa natalidade (5,13‰) e dunha mortalidade en alza (13,91‰).
Xeografía económica
A comarca presenta unha economía bastante diversificada xa que están ben representados os tres sectores produtivos, aínda que son os servicios os de maior peso na súa estrutura económica (primario, 29,9%, secundario, 31,1% e terciario 39%). Dentro do sector primario o sector agropecuario está bastante desenvolvido no interior da comarca. As actividades gandeiras de vacún de aptitude láctea teñen gran representatividade nos concellos do Valadouro, Alfoz, Mondoñedo e no interior do concello de Foz, onde xa existe a concentración parcelaria, o que posibilita a existencia de grandes superficies dedicadas a prados e forraxeiras. A gandería vacúa de carne sitúase nas áreas montañosas (Xistral, Toxiza, Buio e Cadeira). A agricultura está moi orientada cara ao sector gandeiro, en que predominan os pastizais e as forraxes (millo, alfalfa ou nabos), aínda que aparecen determinadas áreas de agricultura comercial de horta, tanto na costa como nos vales interiores. Existe cultivo da faba no val de Lourenzá, horticultura no val de Mondoñedo e na rasa focense, froiteiras no Valadouro e floricultura en Foz e Lourenzá. A explotación de especies coma o piñeiro e o eucalipto, favorecen o desenvolvemento da industria madeireira. Finalmente, destacan as actividades pesqueiras, que empregan a máis do 9% da poboación activa, representadas nos portos de Foz, e, sobre todo, Burela, o maior da provincia de Lugo e un dos máis importantes de Galicia. A especialización na pesca do bonito fai que as cantidades desembarcadas anualmente acaden altas cotizacións no mercado, malia os problemas de reestruturación pesqueira. Pola súa parte, o porto de Foz está especializado na pesca da sardiña, pero cunhas capturas moi inferiores ao de Burela. As actividades industriais (21% dos empregados) adquiren importancia nos concellos costeiros (Foz e Burela), pero hai que falar do importante continxente de traballadores empregados na factoría Alúmina-Aluminio (situada nos concellos veciños de Cervo e Xove). A industria cerámica está representada polas fábricas de produtos cerámicos e caolíns, en Burela, así como fábricas de ladrillos, en Foz. Outras ramas industriais destacadas son a industria metalúrxica en Foz e Burela e a de transformación madeireira, como os serradoiros, as fábricas de aglomerados e de mobles (Muebles Hermida de Lourenzá, primeira empresa de fabricación de moble de Galicia en volume de negocio). Teñen importancia os estaleiros en Burela e Foz. Tamén está presente a minería coa extracción de áridos (Lourenzá) e caolín (Burela e Foz). Ten certa relevancia a produción de enerxía eléctrica por mor da instalación do parque eólico do Xistral (O Valadouro). A construción (10,1% dos empregos) presenta un gran dinamismo, co incremento do número de vivendas nos principais núcleos urbanos (Foz e Burela), así como nas áreas litorais, onde se rexistra o crecemento do número de residencias secundarias. O sector terciario (39% dos activos) é o que maior emprego xera, especialmente nos concellos costeiros e nas cabeceiras urbanas. Nestas destacan as actividades comerciais e os servicios públicos, sobre todo o Hospital Comarcal da Costa, localizado en Burela; a Delegación de Facenda, en Foz; e o Xulgado en Mondoñedo, así como os centros de ensino secundario de Burela, Foz, Mondoñedo e Alfoz. O turismo da época estival fai que as actividades de hostalería cobren importancia en Foz. A taxa de actividade sitúase no conxunto comarcal nun 38,44%, baixa respecto á media galega (60%), debido á escasa representatividade da taxa feminina (28,15%) e ao amplo continxente de poboación non activa (anciáns e novos). A taxa de paro non era excesivamente alta en 1996 (12,88%), aínda que era máis elevada nas mulleres (19,2%), ca nos homes (9%). As principais vías de comunicación da comarca son a N-634 Santiago-Donostia, que a cruza de SO a NL (pasando polos concellos de Mondoñedo e Lourenzá), e a N-634 que discorre pola costa. O ferrocarril FEVE (Ferrol-Gijón) discorre paralelo á costa con dúas estacións de importancia en Burela e Fazouro (Foz).
Historia
Os primeiros vestixios de poboamento pertencen ao período megalítico, con importantes referentes no Valadouro, e ao castrexo, con importantes pegadas en Fazouro, Llás, Marzán ou Bacoi. As primeiras referencias documentais sobre a comarca datan do s IX, cando Sabarico, bispo de Dumio, estableceu unha nova sé episcopal no mosteiro de San Martiño de Mondoñedo. En 969 Osorio Gutiérrez fundou o mosteiro de San Salvador de Lourenzá, así como outros mosteiros dependentes en Santa María Maior (Mondoñedo), Santo Adrao de Lourenzá e Santa Cruz do Valadouro. Desde o s XII produciuse o desenvolvemento urbano da comarca, que administrou directamente os territorios de Alfoz e Burela (delimitado definitivamente por unha carta de poboamento en 1250). Convertido en sé episcopal (1117), en detrimento de San Martiño de Mondoñedo (Foz), en 1156 Afonso VII elevou Mondoñedo á categoría de cidade. No s XIII apareceron as primeiras referencias documentais do Valadouro, antiga vila de Bacoi, que recibiu o foro de Benavente durante o reinado de Afonso IX. No s XV, tralo ascenso dos Reis Católicos ao poder, foi escenario dos enfrontamentos entre Pedro Pardo de Cela, contrario á monarquía centralista, e Fernando de Acuña, primeiro gobernador dos monarcas en Galicia. O cerco do mariscal prolongouse ata 1483 e trala súa execución, a vila de Foz, en que se centraban as actividades comerciais e pesqueiras, foi liberada do pago de tributos señoriais. Durante a Idade Moderna produciuse un incremento das actividades comerciais da comarca, que mantiveron intercambios con Inglaterra, Flandres e Portugal. En 1593 Filipe II incorporou á coroa a xurisdición de Santa María de Burela, reservándose a potestade civil e criminal e compartindo as diversas rendas co bispo de Mondoñedo. A pesca da balea foi unha actividade moi importante nas vilas de Foz e Burela durante os ss XVI e XVII, pero a desaparición da especie das augas cantábricas e a firma do Tratado de Utrecht, onde se perderon as prerrogativas da pesca, orixinaron unha fase de recesión económica. Mentres, Mondoñedo, mantiña unha posición relevante como capital dunha das sete provincias do Reino de Galicia e como lugar de paso de peregrinos polo Camiño do Norte a Santiago de Compostela, na súa ruta pola costa. Desde mediados do s XVIII desenvolveuse nesta comarca o cultivo da pataca, o millo e o esparto. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a substitución dos señoríos por unha administración municipal (1820-1823), pero a súa derrogación, decretada por Fernando VII en novembro de 1823, significou a restauración do réxime señorial ata 1835, cando se recuperou definitivamente o municipalismo. Desde esa data foron xurdindo todos os concellos, con lixeiras variacións nos de Foz, O Valadouro e Mondoñedo, e coa excepción de Burela, que foi segregado do de Cervo en 1994.
Patrimonio cultural
As mostras máis antigas do patrimonio cultural corresponden a conxuntos megalíticos como o grupo de mámoas da Pena Abaladoira (Alfoz), o dolmen de San Tomé (O Valadouro) ou os gravados rupestres de Viloalle (Mondoñedo). De época castrexa destacan castros como os de Fazouro e Llas (Foz), Castro do Chan (Burela), Recaré e Santa Cruz do Valadouro (O Valadouro) e Bacoi (Alfoz); destaca especialmente o torque localizado en Burela. De época romana consérvanse abundantes restos de fundición de ferro en Foz, elementos materiais en Burela e fragmentos dunha calzada romana en varios puntos de Santa María Maior (Mondoñedo). Da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de San Martiño de Mondoñedo declarada Ben de Interese Cultural (BIC, 1931), a catedral de Mondoñedo (BIC, 1902), a igrexa románica de Santa María de Burela, profundamente transformada no s XVIII, a de Santa Cruz do Valadouro (s XVIII) e o Santuario de Nosa Señora dos Remedios de Mondoñedo (s XVIII). Da arquitectura monástica destaca o mosteiro de San Salvador de Lourenzá, fundado en 969 e reconstruído nos ss XVII e XVIII en estilo barroco. En arquitectura militar e defensiva destacan os restos do castelo da Frouxeira (s XV) en Alfoz e a torre medieval de Recaré (O Valadouro). En arquitectura civil destacan o palacio espiscopal de Mondoñedo, o hospital de San Pablo (s XVIII), o Consistorio Vello (s XVI), a fortaleza de Tovar, (BIC, 1994), e as casas indianas de Cangas, Nois e Vilaronte (Foz). Dos pazos da comarca sobresaen o dos condes de Fontao (Fazouro) e o de Gradaille (O Valadouro). Das festas que se celebran destacan a do torneo Mariscal Pardo de Cela en Alfoz, a do Bonito en Burela, a romaría do Santo en Foz, a festa do Conde Santo en Laurenzá, a de San Lucas en Mondoñedo e a do Oito en Valadouro.